O xulgado obriga a DomusVi Ferrol a negociar un novo calendario laboral que respecte o dereito ao descanso das traballadoras
O xulgado vén de darlle á razón ao comité da residencia DomusVi de Ferrol ao declarar nulo o calendario laboral imposto pola empresa ás traballadoras xerocultoras que teñen xornada completa e ordénalle negociar coa representación social un novo calendario que respecte os dereitos recoñecidos no convenio colectivo.
A presidenta do comité, Beatriz Fernández (CIG), explica que DomusVi impuxo unhas carteleiras para 2022 para o colectivo de xerocultoras, sen acordo co comité e que vulneran o dereito ao descanso entre xornadas establecido no convenio colectivo de residencias privadas, que marca un descanso mínimo semanal dun día e medio sen interrupción e que, cando menos, deberá coincidir en domingo unha vez cada catro semanas.
Ademais, engade, esta distribución das xornadas non se axusta ao número de traballadoras e traballadores que hai na residencia, provocando unha sobrecarga de traballo inasumíbel para o persoal e unha merma na calidade da asistencia que se pode prestar ás usuarias e usuarios.
De feito, o calendario formulado por DomusVi Ferrol, que afecta ás xerocultoras a xornada completa, suporía traballar en ciclos de 31 semanas sucesivas alternando xornadas de traballo de mañá e de tarde de 7 horas e quendas nocturnas de 10 horas, con días de descanso dispostos de maneira aleatoria e superando a xornada máxima anual establecida no convenio, que está nas 1776 horas.
Diante desta imposición, a presidenta do comité sinala que se acordou presentar conflito colectivo "porque as traballadoras están fartas de aturar condicións de precariedade e de que, por enriba, a empresa non respecte os seus dereitos laborais e salariais". Neste senso, Beatriz Fernández reitera ás criticas á "actitude ditatorial" da dirección da residencia de Ferrol que, lonxe de buscar un clima de laboral adecuado, "forza ao persoal a ter que acudir de maneira permanente aos xulgados a reclamar os seus dereitos".
Coa sentenza na man, Fernández volve solicitar a intervención inmediata do departamento de Recursos Humanos do grupo DomusVi, e que se negocien unhas condicións de traballo dignas porque as traballadoras desta residencia "están soportando unha sobrecarga laboral e un nivel de estrés físico e psicolóxico inaceptábel".