O xulgado desautoriza o Concello de Santiago e permite pasar megafonía para anunciar a mobilización do domingo 30
O xulgado do contencioso-administrativo estimou parcialmente as medidas cautelarísimas solicitadas pola CIG e autoriza a central sindical a pasar megafonía polas rúas de Compostela para anunciar a mobilización pola derrogación das reformas laborais, durante os catro días que restan até o domingo 30 de xaneiro, data na que está convocada a manifestación.
A central cursara solicitude á administración municipal para pasar o vehículo coa megafonía do 23 ao 30 de xaneiro, sempre polos lugares permitidos e atendendo ao establecido na ordenanza municipal de ruídos. Pero, na súa resposta, o Goberno municipal do PSOE só permitiu un día de propaganda e que esta se fixera como máximo nos dous días previos á manifestación.
Agora, como xa aconteceu en ocasións anteriores, o xulgado do contencioso-administrativo autoriza a que a megafonía se faga durante as catro xornadas que quedan até o domingo, entendendo que se trata dun medio para mobilizar e dar publicidade ao exercicio dun dereito fundamental como é o de manifestación e que este non pode estar limitado por unha ordenanza municipal, senón que se teñen que ponderar os dereitos en xogo.
Esta non é a primeira vez que o Concello de Santiago lle pon impedimentos á CIG para o desenvolvemento das mobilizacións, que son despois corrixidos polos xulgados. Neste senso, para o secretario de Organización da CIG de Compostela, Renato Núñez, o único obxectivo de limitar o pase da megafonía “era a intención do PSOE de dificultar que se vexa o rexeitamento e a oposición a esta reforma laboral”.
A CIG agarda que o Goberno municipal tome nota deste novo auto e deixe, dunha vez por todos, de pór trabas ao pleno exercicio do dereito fundamental de manifestación.