O xulgado declara nula a modificación horaria que pretendía impor a dirección de DomusVi Laraxe
O xulgado do Social nº1 de Ferrol vén de declarar a nulidade da modificación substancial das condicións laborais que a dirección de DomusVi pretendía impor ás traballadoras da residencia de Laraxe (Cabanas) na quenda de noite, ordenándolle a empresa que elabore os cuadrantes de traballo cos horarios de nocturnidade que se viñan utilizando. A propia compañía recoñeceu antes do xuízo o inxustificado desta medida ao presentar escrito de conformación coa demanda.
A CIG presentara conflito colectivo ante as pretensións de dirección de cambiarlle os horarios as traballadoras da residencia de Laraxe durante a quenda de noite, co obxectivo de obrigalas a entrar dúas horas antes da súa xornada ordinaria para cubrir deste xeito a unha compañeira que pedira unha redución de xornada por coidado.
Isto supuña unha modificación dos cuadrantes de traballo habituais na quenda de noite, cos consecuentes problemas de conciliación para as traballadoras afectadas. Con esta medida trapalleira e totalmente inxustificada, o único que buscaba DomusVi era aforrar uns cartiños en persoal e cubrir o tempo de redución da compañeira cambiándolle os horarios ao resto de traballadoras.
Neste caso, a nulidade da modificación era tan obvia que DomusVi decidiu achandarse e darlle a razón á CIG nas súas demandas.
Para a representación da CIG este é un exemplo máis da nefasta xestión e do escaso respecto que esta empresa (un dos principais grupos do sector de residencias privadas no Estado español) ten polos dereitos do seu persoal. De feito, lembra Beatriz Fernández, da CIG-Servizos, as traballadoras de DomusVi teñen que recorrer constantemente á vía xudicial para que se lle recoñezan os seus dereitos laborais e salariais e soportar por enriba, prácticas de acoso e persecución sindical por reclamar o que lexitimamente lle corresponde.