O xulgado dálle a razón á CIG e KAEFER terá que aplicarlle a todo o seu persoal o convenio do metal
O Xulgado do Social de Ferrol vén de darlle a razón á CIG na demanda interposta contra KAEFER pola aplicación do convenio colectivo. A empresa estalle aplicando ao seu persoal o convenio provincial da construción, cando as traballadoras e traballadores, polas tarefas que realizan, deben estar regulados polo convenio de siderometal da Coruña, de condicións salariais, laborais e sociais superiores.
A empresa pretendía manter esta discriminación, argumentando que existía un acordo co anterior comité (no que a CIG tiña un único representante) para aplicar o convenio da construción. Despois das últimas eleccións, nas que a CIG obtivo a maioría da representación e a presidencia do comité, e ante a negativa de KAEFER a corrixir esta ilegalidade, acordouse presentar conflito colectivo.
Agora a sentenza do Xulgado do Social 2 de Ferrol resolve que "non son válidos os pactos entre empresa e traballadores para decidir a aplicación dun determinado convenio colectivo en contra do ámbito funcional operativo do que, realmente, resulte aplicábel. Isto é, a vontade das partes non pode desprazar o convenio que deba ser aplicado considerando a actividade real da empresa."
Cómpre indicar que KAEFER, empresa na que traballan máis de 70 persoas, desenvolve tarefas de andamiaxe e calorifugado en diversas instalacións industriais, como o estaleiro de Navantia en Ferrol ou a refinaría de Repsol na Coruña.
A CIG-Industria demándalle a KAEFER que acate de inmediato a resolución xudicial, para que seu o persoal pase a estar regulado polo convenio de siderometal, con todos os dereitos e melloras económicas e laborais que isto supón.