O Xulgado dá a razón ás ex traballadoras da Cova da Terra e desestima as falsas acusacións da directiva
Sobresemento e arquivo das dilixencias. Esa foi a decisión que adoptou o Xulgado de Instrución 2 de Lugo a respecto da denuncia que a Directiva da Cova da Terra presentara contra dúas das súas traballadoras, ás que imputaba un delito de estafa, administración desleal e apropiación indebida. O auto xudicial vén ratificar a falsidade das acusacións e a mala fe coa que actuou o presidente da entidade, pretendendo xustificar cunha mentira o despedimento das traballadoras, sen pagarlle indemnización e adebedándolle salarios, e forzando a outras compañeiras a coller a baixa laboral voluntaria.
Así o denunciaban esta mañá as dúas afectadas diante das instalacións da xa extinta Cova da Terra, onde ofreceron unha rolda de prensa acompañadas por antigos/as socios/as, asociados/as e simpatizantes da asociación. "Estes feitos provocáronnos ás traballadoras da asociación un gran dano moral e persoal e, en concreto a nolas dúas, quereladas, un dano social e da nosa imaxe, así como psicolóxico, familiar e económico, dificilmente resarcíbel", explicaba Clara Raposo, unha das empregadas afectadas.
Así mesmo, puxo o acento nas negativas consecuencias que tivo o proceder do presidente da Cova da Terra en todos os niveis: descrédito social das traballadoras e a morte dunha asociación con máis de 20 anos de traxectoria en Lugo, referencia do Comercio Xusto e a Agricultura Ecolóxica en toda Galiza.
Actuación "retorcida" do presidente
Raposo lembrou que a mediados de novembro de 2016, o presidente da Asociación A cova da Terra, Francisco Torrente Hortas, "recén chegado, sen bagaxe no mundo do comercio xusto, nin da agricultura ecolóxica e que viña rebotado doutros colectivos sociais e políticos", emitiu varios comunicados públicos nos que inculpaba as traballadoras da asociación de estafa, administración desleal e apropiación indebida. Por estes feitos, anunciaba que ía interpor unha querela xudicial contra dúas traballadoras e mesmo "aireaba" o patrimonio persoal dunha delas.
Un ano máis tarde, o xulgado vén de comunicar o sobresemento de dita querela, procedéndose ao arquivo das acusacións, sen pasar das dilixencias previas e polo tanto sen necesidade de chegar a xuízo. A este respecto, Raposo subliñou que na propia resolución se recoñece que "do actuado non aparece debidamente xustificada a perpetración do delito que deu motivo á formación da causa", "nin consta que as quereladas se apropiasen de cartos da asociación.
Pero pola contra, o auto recalca a existencia dun "descadre na contabilidade advertíndose diversos erros polas testemuñas” así como que "non existe indicio ningún de que as quereladas se auto-atribuísen unha categoría profesional inexistente e non consentida nin de que procederan a unha administración en beneficio económico propio".
Coa resolución na man, as dúas traballadoras denunciaron a "actuación lamentábel" do presidente da asociación en todo o proceso, "empezando polo uso ilegal da xustiza para xustificar así o despedimento das traballadoras sen indemnización algunha, adebedándolles soldadas, forzando a outra das traballadoras a coller a baixa laboral voluntaria e contratando posteriormente a familiares directos del e doutro membro da Xunta Directiva".
Xestión nefasta que destruíu un gran proxecto
A este respecto, unha voceira en representación dun grupo de persoas socias, exsocias, exasociadas e exsimpantizantes, subliñou que A Cova da Terra foi un proxecto que se creou "con sacrificio, altruísmo e voluntarismo" e que sempre destacou por ser un proxecto vivo, aberto e democrático. "Aproveitando un momento de febleza, determinadas persoas encargáronse de transformalo en todo o contrario, nun 'cortijo' particular, vulnerando dereitos democráticos e de participación", aseverou.
Lamentou que, a pesar dos esforzos das persoas que intentaron reconducir á deriva da entidade, "unha xestión chea de difamacións e mentiras", con Francisco Torrente á cabeza, rematou por destruír A Cova da Terra e tirando polo chan o esforzo, traballo e sacrificio que durante anos realizaron moitas persoas co único obxectivo de que o proxecto medrara e se consolidara.