O xefe territorial de Educación na Coruña négase a ter reunións presenciais coa representación do profesorado
A CIG-Ensino vén de denuncia a negativa do xefe territorial de Educación na Coruña a manter reunión presenciais co profesorado. Entende que a decisión do responsábel político da Consellaría de Educación “supón unha desconsideración ás miles de persoas que diariamente traballan nos centros educativos en peores condicións que as que se darían nunha reunión presencial coa Xunta de Persoal que evita por todos os medios”.
A Xunta de Persoal Docente da provincia da Coruña leva bloqueada e sen poder manter reunións co xefe territorial nin co xefe de Inspección desde o mes de outubro, tras a polémica creada pola intervención do xefe territorial, Indalecio Cabanas, no conflito que implicou o cese forzado da directora do CEIP Luís Seoane de Mera (Oleiros).
Logo da suspensión dunha reunión xustificada a finais do mes de outubro do responsábel político da Consellaría na provincia, a Permanente da Xunta de Persoal non puido volver a se reunir co xefe territorial, que non só pon como condición que a reunión sexa por videoconferencia senón tamén toma a decisión de modificar a orde do día da reunión proposta, cando iso só lle corresponde ao presidente da Xunta de Persoal.
Unha “vergoña” e unha “incoherencia”
A Permanente da Xunta de Persoal da Coruña é un órgano composto por un representante de cada organización sindical mais o seu presidente, facendo un total de 7 persoas. A Permanente reúnese ordinariamente unha vez ao mes coa Xefatura Territorial e o máximo de persoas que pode chegar a haber son 9 ou 10 (contando coa presenza dunha persoa que fai as funcións de secretaría de actas, o propio XT e o xefe de Inspección). As dependencias do edificio administrativo de Monelos teñen espazos suficientes para celebrar con todas as garantías este tipo de reunións. De feito, a Permanente ten solicitado e concedido sen ningún problema o uso do salón de actos.
Por outro lado, a CIG-Ensino lembra que todas as demais Xefaturas Territoriais levan celebrado neste curso escolar diferentes reunións presenciais coa representación sindical. O mesmo acontece coa Mesa Sectorial Docente, que por demanda expresa de todas as organizacións sindicais, se celebra presencialmente. O propio conselleiro de Educación, tamén por solicitude sindical, mantivo unha reunión presencial no comezo desta lexislatura. Un órgano numeroso, como é o caso do Consello Escolar de Galiza, celebrou o seu pleno do mes de decembro presencialmente.
A negativa a se reunir en persoa impediu que se tratase na Permanente a polémica creada pola actuación prepotente do alto cargo no conflito de Mera mais tamén que se negociasen as vacantes do concurso de traslados, sendo A Coruña, a única provincia na que non se celebrou ningunha reunión ao respecto.
Por iso desde a CIG-Ensino non aceptan “agás por cuestións extraordinarias debidamente xustificadas, que se celebren reunións de órganos de representación que non sexan presenciais”. O feito de que uns 32.000 docentes en todo o país, máis de 12.000 deles na provincia da Coruña, estean día a día garantindo a presencialidade do ensino nas aulas e que a súa representación sindical non fixese o mesmo sería, desde o seu punto de vista, moralmente inaceptábel. “Que o máximo responsábel político de Educación nunha provincia, que ademais é docente de profesión, se negue a ter reunións presenciais e se esconda tras cuestións de protección sanitaria é, ademais dunha vergoña, unha desconsideración con todo o profesorado e unha incoherencia cos seus homólogos na Consellaría”.
A CIG-Ensino vén de dirixirse ao conselleiro de Educación para que tome cartas no asunto e poña fin a unha situación que desacredita á Consellaría que dirixe.