O TSXG recoñece o dereito do persoal de Ilunion a que o tempo do bocadillo sexa computado como tempo efectivo de traballo

A sentenza considera que a diferenciación establecida pola empresa en base á data de contratación supón vulneración do dereito de igualdade
Vigo - 11 Mar 2025

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza previa do Xulgado do Social número 4 de Vigo na que se recoñecía o dereito do persoal de Ilunion Servicios Industriales, centro especial do emprego do grupo ONCE, a que o tempo de descanso para o bocadillo sexa computado como tempo efectivo de traballo. A sentenza desestima o recurso de suplicación presentado pola empresa e establece que a política diferenciada aplicada por Ilunion en función da data de contratación das persoas traballadoras supón unha vulneración do principio de igualdade de condicións laborais.

Segundo explican dende a representación da CIG na empresa, a orixe do conflito é aplicación dunha política desigual sobre o tempo de bocadillo: até xuño de 2017 incluía o tempo de bocadillo (20 minutos) como parte do tempo efectivo de traballo para as persoas empregadas que realizaban xornadas continuadas de máis de seis horas, mais a partir desa data comezou a introducir nos novos contratos unha cláusula segundo a cal este descanso non se consideraría tempo de traballo efectivo, mantendo esa consideración só para as persoas traballadoras contratadas previamente. 

A sentenza supón un importante precedente para garantir a igualdade de condicións laborais en Ilunion e noutras empresas con políticas similares

“Este cambio provocou unha discriminación dentro da propia empresa, xa que un persoal vía reducida a súa xornada real respecto doutro con idénticas funcións; por iso dende a CIG, a través do presidente do comité, decidimos presentar unha demanda de conflito colectivo defendendo que a nova política da empresa incumpría o principio de igualdade e discriminaba as persoas traballadoras de nova contratación”.

O Xulgado do Social número 4 de Vigo, en sentenza de setembro de 2024, deulle a razón ás persoas traballadoras, recoñecendo que o tempo de bocadillo debía computarse como tempo efectivo de traballo para todas, sen importar a data de contratación. Non obstante, Ilunion interpuxo un recurso de suplicación ante o TSXG, argumentando que o Estatuto dos Traballadores/as (artigo 34.4) establece que os descansos só se consideran tempo de traballo efectivo se así o prevé o convenio colectivo ou o contrato de traballo, e que a súa política contractual era legal. A empresa tamén alegou que, ao longo do ano, todo o persoal facía o mesmo número de horas efectivas, aínda que a distribución fose diferente.

Igualdade de condicións para todo o persoal

Agora o TSXG desestimou o recurso de Ilunion e confirmou a sentenza do Xulgado de Vigo, establecendo que a política diferenciada da empresa carece de xustificación legal ou convencional. Para iso, o tribunal baseouse nos seguintes argumentos:

-O artigo 48 do convenio colectivo aplicábel non distingue entre persoas traballadoras en función da súa data de contratación, polo que a empresa non pode aplicar criterios distintos sobre o tempo de bocadillo.

-A empresa recoñecía este tempo como traballo efectivo en contratos antigos, mentres que nos novos introducía unha cláusula que o excluía, sen unha xustificación clara.

-Segundo a doutrina do Tribunal Supremo sobre igualdade no ámbito laboral, unha diferenza de trato entre persoas empregadas só pode ser válida se hai unha razón obxectiva e proporcionada, algo que neste caso non se acredita.

Por estes motivos, o TSXG declarou nulo o criterio diferenciado da empresa e estableceu que todas as persoas traballadores, sen importar a súa data de contratación, deben ter recoñecido o tempo de bocadillo como tempo efectivo de traballo.

Avance na defensa dos dereitos laborais

A sentenza do TSXG supón un importante precedente para garantir a igualdade de condicións laborais en Ilunion e noutras empresas con políticas similares. O avogado da CIG que elaborou a demanda considera que esta decisión xudicial evita unha discriminación inxustificada e representa un avance na defensa dos dereitos laborais. Pola súa parte, a central sindical celebra a resolución, subliñando que “se recoñece un dereito fundamental que a empresa pretendía suprimir de forma unilateral”.

Con todo, Ilunion aínda non confirmou se presentará un recurso de casación ante o Tribunal Supremo. De facelo, deberá facelo dentro dun prazo de dez días hábiles desde a notificación da sentenza.

Ilunion, empresa subcontratada en labores de loxística e montaxe nas principais compañías de compoñentes da automoción galega, conta cunhas 730 persoas traballadoras na provincia de Pontevedra e réxese polo convenio colectivo de Centros de Atención a Persoas con Discapacidade.