O TSXG obriga á Xunta a dar máscaras FFP2 en escolas infantís e centros de maiores
A sala do social do TSXG vén de emitir sentenza pola que a Xunta de Galiza ten que proporcionar ás súas traballadoras de centros de maiores e escolas infantís máscaras de protección FFP2. A sentenza chega un ano e medio despois do inicio pandemia e de numerosas denuncias da CIG contra a Xunta por negarse a protexer ao seu persoal e as persoas usuarias destes centros dependentes da consellería de Política Social e Consorcio.
O alto tribunal recoñece o dereito das traballadoras e traballadores das Escolas Infantís e dos Centros de Día dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a dispor, nos seus equipos de protección individual, de suficientes máscaras FFP2 para a protección das vías respiratorias fronte á Covid-19, tendo en conta os requirimentos efectuados pola Inspección de Traballo e Seguridade Social.
Recoñece, así mesmo, o dereito das traballadoras e traballadores destes centros a recibir información e formación axeitada subministrada pola Xunta de Galiza, sobre os supostos nos que sexa preciso o uso das máscaras FFP2, tendo en conta tamén os requirimentos da ITSS.
Ademais condena á Xunta a modificar a avaliación de riscos dos postos de traballo das Escolas Infantís e dos Centros de Día dependentes do Consorcio, para introducir como EPI as máscaras FFP2.
Prevención de riscos laborais
A responsable nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, lembra que as delegadas de prevención da CIG denunciaron en varias ocasións ante a autoridade laboral, en materia de prevención de riscos laborais e protección da saúde dos traballadores, ao Consorcio Galego De Servizos de Igualdade e Benestar e á Consellaría de Política Social.
A Inspección de Traballo e Seguridade Social requiriu ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar medidas preventivas entre as que estaban o subministro de máscaras FFP2. Pero “os responsables do Consorcio negáronse a acatar este requirimento e, por tanto, non deron as máscaras FFP2 aos cadros de persoal baseándose nunha avaliación de riscos que fixo Mugatra Qualtis”, asegura Burgos.
A responsable nacional do sector da administración autonómica apunta ademais que a empresa que leva o servizo de prevención, Mugatra Qualtis, “tamén está condenada posto que se negou a cambiar a avaliación de riscos tendo en conta a OMS e a directiva europea e posterior transposición á normativa do Estado Español que considera a transmisión do SARS-CoV-2 mediante a inhalación de aerosois con partículas virais”.
Estes feitos foron os que obrigaron á CIG a acudir ao TSXG para a protección das traballadoras e traballadores e as persoas usuarias. Zeltia Burgos considera que “é incrible que a Xunta se negara a dar unhas simples máscaras FFP2 ao persoal, máis cando Feijoo estaba esixindo que fosen obrigatorias para toda a poboación. Para máis nos centros de maiores hai moitos momentos da xornada no que estes non levan a máscara posta (aseo -lavado de dentes-, momentos de xantar) ou porque simplemente non a toleran. No caso das escolas infantís, as crianzas de cero a tres anos non levan máscara en ningún momento e a distancia de seguridade é imposible gardala (cambios de cueiro, colos para consolalos…)”.
En todo caso Burgos sinala que casualmente, nesta semana de finais de xullo o persoal de centros de maiores recibiu as máscaras FPP2. Nas escolas infantís aínda non se recibiron. “Supoñemos que á Xunta non se lle ocorrerá recorrer contra a sentenza e afondar nesta vergoña”.