O TSXG anula os servizos mínimos abusivos decretados pola CRTVG nas folgas de decembro de 2018
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de estimar o recurso contencioso administrativo interposto polo Comité Intercentros da Compañía Radiotelevisión de Galicia (CRTVG) e anula os servizos mínimos que se decretaron para as xornadas de folga total do día 19 de decembro de 2018 e a xornada de folga parcial do 22 do mesmo mes. Folgas que, malia iso, foron un éxito e que estaban convocadas para denunciar o bloqueo das relacións laborais, o desmantelamento do servizo público e a represión que sofren as e os traballadores.
A sección sindical da CIG considera inadmisíbel o incumprimento reiterado da legalidade da CRTVG á que máis unha vez a xustiza ten que lembrar que se vulnera o dereito fundamental á folga do persoal cando se decretan servizos mínimos abusivos que nin sequera foron xustificados. “A compañía terá que pagar as costas do xuízo por facer oídos xordos a todas as sentenzas anteriores nas que xa se emitiron sentenzas no mesmo sentido”, denuncia.
Neste sentido, na sentenza lémbrase que tanto o Tribunal Constitucional como o Supremo teñen asegurado que “sendo o de folga un dereito fundamental, as restricións que deban imporse ao seu exercicio en aras do mantemento dos servizos esenciais para a comunidade só serán constitucionalmente aceptábeis se van acompañados dunha motivación que, tendo en conta as presentes circunstancias concretas nas que esa folga vai ter lugar, razoe a necesidade das restricións que comporta o mantemento dos servizos que se consideran necesarios a partir de criterios obxectivos, sen que sirvan as argumentacións xenéricas”.
De aí que o TSXG conclúa que neste caso, como en anteriores, “houbo insuficiencia de motivación”. A isto engade que, aínda non podendo determinar se se vulnerou ou non o principio de proporcionalidade, si lembra que segundo sentenza deste mesmo tribunal de setembro de 2018, “baléirase de contido o dereito de folga, ao alcanzar o nivel de rendemento habitual” e que “coa determinación” destes servizos mínimos “o que se pretende é que este servizo se preste na forma habitual”.
Falta de neutralidade
A sentenza abonda ademais no feito de quen asina os servizos mínimos é o Director Xeral da CRTVG “administrador e representante da corporación”, que depende da mesma entidade afectada pola folga “o que priva da exixible neutralidade e imparcialidade para fixar os servizos mínimos esenciais” e entende que debería ter sido a consellaría correspondente, ao ser un ente público, “sen prexuízo do previo informe daquela Corporación”.