O TSXG anula o calendario laboral de Ilunion en varias empresas de automoción de Vigo
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de anular o calendario laboral de 2023 do persoal de Ilunion -centro especial de emprego (CEE) do grupo ONCE- nas compañías da automoción Stellantis (Vigo), Benteler (Mos e Valadares) e Lear (Valadares) co imcumprir o convenio autonómico e estatal de CEE.
Segundo explican dende a representación da CIG na empresa, con maioría no comité, a dirección de Ilunion impoñíalle ao seu persoal as vacacións de Stellantis, vulnerando os convenios colectivos dos CEE, que establecen que se deberán repartir como máximo en dous períodos distintos de 16 días de duración, un deles a gozar durante o verán. “Pero a empresa obrigaba a coller unha semana en decembro”.
En consecuencia, os delegados/as sindicais da CIG acordaron -coa oposición dos representantes da UGT- presentar denuncia diante do Xulgado do Social, que lle deu a razón á empresa. Mais agora o TSXG vén de atender o recurso da central sindical e procedeu a anular os calendarios laborais, decisión contra a que cabe recurso de casación diante do Tribunal Supremo.
Para a CIG esta decisión xudicial vén a demostrar unha vez máis os constantes incumprimentos en materia laboral que os traballadores/as de Ilunion levan anos denunciando, con mobilizacións e campañas de axitación na rúa, tamén para rexeitar a explotación que padecen. Unha actitude reivindicativa á que Ilunion está a responder cunha campaña interna de acoso laboral e de represión sindical que tamén está a ter contestación por parte da central sindical.