O TSXG anula ERTE por causas organizativas derivadas da pandemia aplicado por XEAL
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza acaba de emitir sentenza pola que anula o ERTE que XEAL aplicou nas fábricas de Cee e Dumbría e nas centrais hidroeléctricas entre o 21 e abril de o 3 de xullo de 2020, pola mala fe negociadora da empresa. O alto tribunal galego confirma así o que a CIG mantivo durante toda a negociación: que non existían causas organizativas e que o único que buscaba a dirección era aproveitarse da pandemia para aforrar cartos e avanzar no plan de recorte da produción.
A anulación do ERTE supón que a empresa ten que pagarlle aos traballadores e ás traballadoras os correspondentes salarios deixados de percibir durante o tempo que estiveron no paro e ademais XEAL deberá reintegrar todas as prestacións por desemprego que foron abonadas polo Servizo Público de Emprego.
A empresa non facilitou documentación relevante
A sentenza do TSXG constata a mala fe da empresa durante todo o período de consultas ao non facilitar toda a documentación requirida pola parte social para o desenvolvemento das negociacións e incluso critica a conduta de XEAL por ocultar información de relevancia como a substitución da produción do forno 14 (de silico manganeso) polo forno 12 (de ferro silicio).
Este cambio produtivo executouse o día despois de rematar o período de consultas (20 de abril de 2020), malia que a empresa xustificaba o ERTE en que ía concentrar toda a produción ordinaria en dúas unidades produtivas, pero con esta mudanza dende o 21de abril xa non habería produción de silico manganeso na fábrica de Cee.
Vinculación da produción nas fábricas de FerroGlobe e XEAL
Relacionado con isto, na sentenza queda probada que a transcendencia de que a parte social coñecera o contrato con FerroGlobe tendo en conta que é o único provedor e cliente de XEAL, e que deste contrato depende o volume de actividade das fábricas de Cee e Dumbría. Neste senso, na resolución recóllese que na operación de compra venda garantíase para as plantas da Costa da Morte un trato equivalente ao do resto das fábricas de Ferroglobe, pero mentres que as factorías de FerroGlobe estaban naquela altura a plena produción, XEAL paraba fornos e formulaba este ERTE.
A sección sindical da CIG subliña que non houbo en ningunha outra industria electrointesiva un ERTE por causa da pandemia, xa que tivo a consideración de esencial, e mantivéronse a pleno rendemento aproveitando o baixo prezo da enerxía. "E iso foi algo que lle propuxemos a empresa durante as negociacións, aproveitar o momento para producir a baixo custe para vender cando o mercado se recuperara".
A Xunta ten que actuar para garantir a viabilidade
Para a CIG volve confirmarse a fraude e o absoluto despropósito que supuxo a operación de venda do complexo industrial e enerxético e, cunha sentenza favorábel máis na man, reclámalle a Xunta que interveña dunha vez para evitar a situación de inviabilidade e ruína á que XEAL está levando as fábricas. Así mesmo, a Xunta debe actuar para garantir que se cumpre o obxecto concesional: a viabilidade e pleno funcionamento dos fornos e das fábricas.