O Tribunal Supremo ratifica a nulidade do ERTE por causas organizativas aplicado por XEAL entre abril e xuño de 2020
O Tribunal Supremo desestimou o recurso de casación interposto por XEAL contra a sentenza do TSXG que anulou o ERTE por causas organizativas imposto de maneira unilateral pola empresa entre abril e xuño de 2020. Con esta resolución (que esgota a vía xudicial) o Supremo ratifica o que a CIG mantivo durante toda a negociación: que non existían causas organizativas e que o único que buscaba a empresa era aproveitarse da pandemia para aforrar cartos e avanzar no plan de recorte da produción.
O ERTE estivo vixente entre o 21 e abril de o 3 de xullo de 2020 e afectou a 213 traballadores e traballadoras das fábricas de Cee e Dumbría e das centrais hidroeléctrica e a outras 18 persoas de Operacións e Mantemento.
No auto do TS constátase a mala fe da empresa durante todo o período de consultas ao non facilitar toda a documentación requirida pola parte social para o desenvolvemento das negociacións, chegando incluso a ocultar información de relevancia como a substitución da produción do forno 14 (de silico manganeso) polo forno 12 (de ferro silicio).
Este cambio produtivo executouse o día despois de rematar o período de consultas (20 de abril de 2020), malia que a empresa xustificaba o ERTE en que ía concentrar toda a produción ordinaria en dúas unidades produtivas, pero con esta mudanza dende o 21de abril xa non habería produción de silico manganeso na fábrica de Cee.
A sección sindical da CIG lembra que non houbo en ningunha outra industria electrointesiva un ERTE por causa da pandemia, xa que o sector tivo a consideración de esencial, e mantivéronse a pleno rendemento aproveitando o baixo prezo da enerxía. Precisamente, aproveitar aquel contexto para producir a baixo custe e logo vender cando o mercado se recuperara foi algo que lle propuxo a representación da CIG á empresa durante as negociacións, mais esta proposta non foi tida en conta pola dirección.
A aplicación deste ERTE é unha evidencia máis da fraude que supuxo a operación de venda do complexo industrial e enerxético, polo que a sección sindical da CIG reitera os chamados á Xunta de Galiza para obrigue a XEAL a cumprir coas cláusulas concesionais de acordo aos termos interpretados pola sentenza do TSXG do 5 de novembro de 2020.
Calendario de mobilizacións
A notificación do Supremo coñecese ás portas de iniciarse o calendario de mobilizacións acordado pola asemblea de traballadoras e os traballadores para esixirlle á empresa un plan industrial e de viabilidade das fábricas, que recupere todo o emprego destruído nos últimos anos e que aplique o convenio colectivo propio actualizado.
A primeira mobilización terá lugar este xoves, 15 de setembro, en Compostela cunha manifestación que sairá ás 11:00 horas da entrada principal do edificio Xunta de Galiza e rematará diante das oficinas de Augas de Galiza, situadas na Praza Camilo Díaz Baliño.