O transporte en autobús cumpre a terceira xornada de folga cun seguimento maioritario
Este luns o persoal do transporte en autobús da provincia da Coruña está secundando o terceiro día de folga en demanda dun convenio colectivo digno que mellore salarios e garanta o mantemento do poder adquisitivo, regule a xornada laboral e avance nos permisos retribuídos e na conciliación.
Como nas dúas xornadas previas, as traballadoras e traballadores despregáronse en piquetes informativos dende primeira hora da mañá nas estacións de autobuses e contra ás 11 horas realizaron concentracións para visibilizar as súas lexítimas reivindicacións.
A folga transcorre con normalidade e coa vista posta na reunión da mediación fixada para o vindeiro mércores ás 16:00h, a menos de 48 horas da cuarta xornada de paro xeral convocado no sector. Neste senso, o responsábel de transportes da CIG, Ernesto López, cuestionou a vontade real da patronal para negociar, desbloquear o conflito e avanzar nun acordo que permita desconvocara folga e chegar a un convenio digno.
As principais reivindicacións sociais refírense a unha suba salarial digna para este ano e para 2026 cunha cláusula de garantía ligada ao IPC para garantir o mantemento do poder adquisitivo, á regulación da xornada -reducindo as horas de condución e limitando a xornada a disposición das empresas-, actualizar o control horario, e mellorar os permisos retribuídos e os dereitos de conciliación.