O SERGAS obriga as persoas maiores a facer 30, 40 ou 50 quilómetros para recibir o reforzo da covid
O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG vén de denunciar as dificultades que teñen as persoas maiores de 80 anos que están sendo convocadas para poñer a dose de reforzo da vacina da covid 19 para acudir aos centros de vacinación, ubicados nos hospitais de referencia.
O colectivo lembra que estamos falando de persoas de grupos de idade que, na súa meirande parte, xa non conducen e ás que lles supón un trastorno enorme trasladarse desde os seus lugares de residencia aos hospitais de referencia.
No canto disto, as persoas xubiladas e pensionistas da CIG reclaman que se reforce o persoal sanitario dos centros de saúde e que sexa nestes centros, máis próximos ás súas vivendas, onde se poña esta dose de reforzo, como se facía coa campaña de vacinación da gripe.
A modo de exemplo explican como as persoas chamadas a vacinarse que viven ao outro lado da ría de Vigo teñen que coller primeiro un barco e despois un taxi para chegar ao hospital, o que consideran un despropósito, xa que non estando no mesmo punto da pandemia, non debería ser necesario acudir a “vacunódromos”.
O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG advirte que nos estamos achegando ao inverno, as chuvias e as baixas temperaturas e considera que non é de recibo facer que persoas maiores moitas que veñen do rural teñan que percorrer 30, 40 ou 50 quilómetros, facer colas en ringleiras, durante tempo de pé, ao frío e, se cadra, baixo a chuvia. Unha situación que xa en campañas anteriores obrigou a persoas maiores a marchar sen vacinar “por medo a coller unha pulmonía e que fose peor o remedio que a enfermidade”.
Por iso reiteran a súa exixencia á administración de que se facilite o acceso a esa cuarta vacina.