O Sergas non cubre as ausencias de persoal no centro de saúde de Cangas, comprometendo a asistencia
As traballadoras/es do centro de saúde de Cangas denunciaban o pasado mes de abril xunto coa CIG a restrición de vacacións do persoal, tras o que a Xerencia da área sanitaria de Vigo se comprometera a cubrir o 33% das ausencias e a estudar a posibilidade de apoiar o centro cun reforzo de costa.
Pois ben, segundo critican dende a CIG-Saúde, unha vez iniciado o mes de xullo “atopámonos con que as vacacións de enfermaría deste centro están sen cubrir, quedando seis enfermeiras/os de adultos/as dun total de nove e dúas enfermeiras/os de pediatría dun total de tres”. O que leva a central sindical a censurar que a Xerencia rompese o compromiso de cubrir as vacacións do persoal, situación vai supoñer unha limitación na asistencia do centro, que terá que priorizar a realización de curas crónicas e a atención urxente ao ter que asumir a atención dos doentes das enfermeiras/os ausentes.
Ademais, tal e como veñen reiterando dende a CIG, o importante aumento de poboación nesta localidade durante o verán multiplica tamén a demanda asistencial no centro. Esta atención antes da pandemia era asumida polos coñecidos “reforzos de verán”, figura da que se prescindiu este ano en todos os centros que sofren este aumento de poboación nesta área sanitaria.
Isto provoca un deterioro importante na atención, demorando a realización de cita programadas a doentes crónicos/as, así como técnicas diagnósticas necesarias para o control da enfermidade. “Esta sobrecarga que se xera polas demoras seguirá recaendo sobre o persoal de enfermería, que terá que asumir tras o período de vacacións todo o traballo que non se puido desenvolver pola falta de persoal”.
En consecuencia, dende a CIG-Saúde reclaman que se asuman os compromisos adquiridos coas traballadoras/es e que se cubran as vacacións de enfermaría do centro médico cangués.