O Sergas incumpre o compromiso de implantar un segundo equipo no PAC da Guarda
A federación de Saúde da CIG de Vigo denuncia o incumprimento por parte do Sergas do acordo pactado meses atrás coas traballadoras/es do PAC da Guarda polo que que se implantaría un segundo equipo a partir do 1 de xuño.
Segundo explican dende a central sindical, a Xerencia accedeu a esta vella reivindicación tras diversas xuntanzas e propostas por parte do persoal do PAC e inciden en que o acordo mesmo lle foi trasladado á Comisión de Centro, que leva anos reclamando esta necesidade.
“Xa o acordo alcanzado tras o longo conflito nos PAC en 2019 recoñecía que se tería en conta a carga asistencial, a distancia do centro ao hospital, a dispersión xeográfica, o numero de mobilizacións polo 061 e as necesidades asistenciais da poboación para valorar a creación das prazas necesarias”. Neste senso, lembran que a Xerencia viña recoñecendo dende hai tempo a problemática existente no PAC da Guarda.
No acordo tamén se establecía que polo xeral cada facultativo non debera superar unha presión media de 30 urxencias por garda, media que se supera neste centro desde hai anos, xa que a poboación que se atende dos tres concellos asignados a este PAC (Oia, O Rosal e A Guarda) está preto das 20.000 persoas, cifra que aumenta no período estival ao ser unha zona turística.
Ademais da sobrecarga de traballo para o único equipo do PAC formado por médica de familia, enfermeira e persoal de servizos xerais, existen outras circunstancias que dificultan o traballo e que supoñen unha gran carga para as traballadoras/as: a distancia entre o centro de saúde e o hospital é duns 45 minutos, polo que cando menos cada traslado ao hospital implica unha ausencia de aproximadamente 2 horas (incluíndo a actividade asistencial que se presta).
E hai domicilios dentro do radio de traballo (Oia, O Rosal e a Guarda) que superan os 50 minutos de desprazamento dende o centro de saúde, e con poboación envellecida, o que supón maior requirimento de asistencias.
Consecuencias sobre os doentes
“O tempo de ausencia do equipo ante unha asistencia fora do centro podería ter consecuencias, ao quedar toda esta área sen ningún persoal sanitario, ocasionando unha demora importante na asistencia do resto das necesidades que xurdan, con consecuencias graves sobre o doente.
Isto tamén repercute no propio centro de saúde, dado que en ausencia do equipo de PAC en quendas de tarde é habitual que teñan que prestar atención en caso de asistencias fóra do centro do único equipo que hai entre semana, ao quedar o PAC sen persoal sanitario. Situación que se agravará no mes de xuño, cando se prevé o peche de tarde no centro de saúde ao existir dúas prazas estruturais e sumarse permisos e vacacións do persoal do centro.
Por todo isto, dende a CIG-Saúde esíxenlle ao Sergas o cumprimento inmediato do acordo pactado entre a Xerencia e as traballadoras/as do PAC da Guarda.