O sector galego dos centros de chamadas volve á rúa para reclamar un convenio xusto
Os traballadores/as galegos/as do sector dos centros de chamadas secundaron amplamente a folga de 24 horas convocada pola CIG para reclamar un convenio colectivo xusto. Centos de empregados/as aproveitaron a xornada para mobilizarse polas rúas da Coruña, Vigo e Lugo en demanda dunhas condicións laborais dignas e para rexeitar a proposta patronal, que supón unha importante perda de poder adquisitivo.
Nesta ocasión as protestas centráronse en reivindicar unha subida salarial que permita recuperar o poder adquisitivo perdido ao longo destes anos, xa que a CIG entende que a proposta achegada pola patronal é claramente insuficiente ao estar moi por debaixo do IPC. De feito, segundo os cálculos da central un teleoperador/a perdeu de media dende o ano 2009 arredor de 832 euros anuais. “Isto significa que deixamos de ingresar o equivalente a unha nómina, aínda que a perda salarial aínda pode ser maior tendo en conta que o IPC de xaneiro foi do 3,2% en Galiza”, indica Laura Pérez, responsábel da CIG-Centros de chamadas.
A representante sindical lembra tamén que o sector leva un total de 26 meses sen convenio colectivo e coas nóminas conxeladas dende 2014 -“mentres os prezos suben de xeito cada vez máis acusado”- porque a patronal bloquea a negociación a nivel estatal ao atoparse cómoda con esta situación. Diante disto, a CIG, como sindicato maioritario no sector a nivel galego, optou por propoñerlle ao resto de centrais “a nosa vontade de unificar posicións para convocar protestas conxuntas”. Mais, segundo critican, non obtiveron resposta, polo que decidiron promover un día de folga en solitario.
Ao mesmo tempo, coincidindo coa xornada de paro -cuxo seguimento a CIG cifra nun 65%- a central desenvolveu mobilizacións na Coruña, Vigo e Lugo. No primeiro caso consistiu nunha manifestación dende a sede de Atento na rúa Juan Flórez até a tenda de Movistar da Praza de Pontevedra. Tanto en Vigo como en Lugo celebráronse concentracións, no primeiro caso xunto á farola de Urzaiz e no segundo diante da empresa Abante BPO.