O sector de Químicas demanda na Confederación de Empresarios de Galiza “convenios aquí e non en Madrid”

Denuncian que CCOO acordou en solitario o novo convenio estatal do sector que nin contempla cláusula de garantía salarial
Nacional - 13 Nov 2024

Delegadas e delegados do sector de Químicas de CIG-Industria concentráronse esta mañá diante da sede da Confederación de Empresarios de Galiza para solicitar unha xuntanza coa representación da Federación Empresarial Galega da Industria Química, coa fin de explorar a posibilidade de iniciar a negociación dun acordo galego para a industria química, dándolle prioridade aplicativa ao mesmo.

A CIG-Industria lembra que en Galiza existen máis de 70 empresas con representación sindical no sector, que abranguen a preto de 4.000 persoas, aínda que o sector no seu conxunto é moito máis amplo, tanto en número de empresas, como de traballadores e traballadoras, que estarían afectados directa ou indirectamente por este convenio colectivo.

Novo convenio colectivo

O convenio estatal da Industria Química venceu en 2023 e na actualidade estase a negociar o XXI Convenio Xeral da industria Química, pero existe xa un preacordo de FEIQUE e CCOO, asinado o 9 de outubro de 2024, e está prevista a sinatura do convenio o vindeiro 26 de novembro.

O secretario nacional de CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, manifesta a oposición da central sindical a este acordo. Denuncia que “a sinatura produciuse unha vez máis sen confrontación de ningún tipo coa patronal, e de costas aos conxunto das traballadoras e traballadores” e agarda que non sexa finalmente ratificado “para poder así continuar coas negociacións e facer deste convenio un exemplo de mellora das condicións laborais da clase traballadora.

Trátase dun convenio a tres anos, cun incremento salarial do 3% para cada ano sen cláusula de revisión do IPC real, que nin sequera avanza na redución de xornada, reducindo 8 horas anuais en 2026.

Denuncian ademais que tampouco avanza en dereitos, xa que o resto de aspectos que se pretenden incluír “non son máis que a adaptación á normativa laboral vixente”. Por iso, Bouzas considera que “responde unicamente aos intereses da patronal, que tiña como obxectivo a supresión da cláusula de garantía salarial desde o inicio das negociacións”.

Convenio galego

A proposta da CIG-Industria é que en lugar de asumir ese convenio se inicien as negociación para un de ámbito galego, cambiando así o marco de relacións laborais do sector.

Ampáranse para isto no contemplado no artigo 84 do Estatuto das Persoas Traballadoras, que prevé a posibilidade de que os sindicatos e asociacións empresariais que reúnan os requisitos de lexitimación “poderán negociar convenios colectivos e acordos interprofesionais de comunidade autónoma”.

Fronte ao convenio acordado en Madrid, a CIG-Industria entende que debería contemplar limitar a contratación temporal e parcial, apostando pola contratación estable e a tempo completo: a redución real da xornada laboral; a eliminación das ETT no sector; que se garantan as condicións salariais e de xornada nas subcontratas ou a inclusión da cláusula de subrogación.

Xunto a isto reclaman a inclusión de melloras encamiñadas a unha conciliación familiar e laboral real; mellorar as licenzas; a aplicación da cláusula de garantía salarial en base ás diferenzas dos IPC reais en cada ano; melloras nas condicións económicas para desprazamentos no estranxeiro, cunha compensación económica a maiores da dieta e a redución dos grupos profesionais.