O sector de automoción clama en Compostela por un Plan Industrial para combater a grave crise que padece

Nacional - 15 Xan 2025

Perda de carga de traballo, axuste de cadros de persoal, contratos de persoal eventual se renovar e unha vaga de ERTEs abusivos. Así retrata o secretario nacional de CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, a grave situación de crise que asola o sector de automoción. Unha situación prolongada no tempo, toda vez que entre 2008 e 2024 pecharon en Galiza 22 empresas.

Por iso, esta mañá delegadas e delegados percorrían as rúas de Compostela, para rematar diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, en demanda dun Plan Industrial que permita frear a grave crise que atravesa. Unha situación que vén denunciando a CIG-Industria desde hai anos e que atribúe á ausencia dunha política industrial de país por parte da Xunta de Galiza.

Neste sentido, Bouzas responsabilizaba, ao inicio da manifestación, a empresa e administracións central e autonómica por “someter ás persoas traballadoras a unhas durísimas condicións laborais e sociais, mentres os fabricantes de automóbiles seguen aumentando os seus beneficios, e o persoal segue perdendo poder adquisitivo, dereitos e aumentando a precariedade laboral”.

O secretario nacional de CIG-Industria asegurou que o plan das empresas é que sexan as administracións as que asuman “con subvencións a axudas, como os PERTE, parte das inversión que teñen que realizar”. Acusou ademais ás administracións “baixo o discurso da transición ao vehículo eléctrico” de estar consentindo “que sexa a clase traballadora a que asuma estes costes, mentres os fabricantes soben os prezos do coches, obtendo cada vez máis beneficios”.

Políticas públicas para a supervivencia do sector

Bouzas recoñeceu a importancia das políticas públicas para a supervivencia do sector. Porén considerou que a Xunta de Galiza “segue a ser o monicreque das grandes multinacionais do automóbil, sen ningún tipo de criterio, só o de subvencionar, deixando o futuro da automoción ao azar das decisións dos consellos de administración das grandes empresas”.

Asegurou que, a día de hoxe, non se sabe o plan industrial que se vai aplicar nos próximos anos, nin nas empresas principais, nin nas de compoñentes, nin na industria auxiliar. “Pero si sabemos que se lles vai a seguir dando diñeiro publico”, afirmou, como ocorre co recén aprobado Plan Director da Automoción.

Un Plan do que dixo que “só recolle subvencións e aporte de cartos públicos ás empresas a cambio de nada: nin mantemento dos cadros de persoal, nin medidas para frear e reverter a deslocalización, nin nada para manter a recuperar as condicións laborais, nin a busca de novos proxectos e novas empresas que se asenten no noso país”.

Bouzas Aboi salientou, ademais, que desde 2007 a produtividade e os beneficios empresariais no sector galego da automoción non pararon de medrar, mentres os salarios decreceron e os cadros de persoal reducíndose o que disparou a carga e os ritmos de traballo.

Crise sen precedentes en Vigo, Pontevedra e Ourense

Apuntou que a UE impón multas e obrigas medioambientais e sociais que, advertiu que “suporán a perda de milleiros de postos de traballo”. Unha crise sen precedentes para as comarcas de Vigo, Pontevedra e Ourense. Denunciou que o Goberno español e a Xunta aceptan que Stellantis aposte polas plantas de Zaragoza e Mangualde en detrimento de Vigo, “condenando á morte as empresas da industria auxiliar” e denunciou o “cheque en branco” para as empresas, “sen garantía de contraprestación social algunha, nin medidas que freen esta crise”.

Un cheque en branco ao que a CIG se opuxo, malia as que cualificou como “antidemocráticas manobras” da Xunta que impediu calquera cuestionamento público do seu Plan Director da Automoción que contou co apoio de CCOO e UGT.

Neste sentido lembrou que a central sindical nacionalista si presentou un documento onde se contemplan medidas para mellorar a calidade do emprego e de futuro para o sector. Propostas concretas para afrontar a transición verde que está afondando a crise que sofren as industrias, como un plan para rexuvenecer os cadros de persoal; creación de empresas de capital publico-privado nas que a administración defina as estratexias de cara o futuro, e un plan de formación para as persoas mais novas cara os perfís técnicos que vai a necesitar o sector na transición dixital.

Lembrou que a CIG segue reclamando a planta de baterías, principal compoñente do coche eléctrico, ademais de novas plantas de compoñentes relacionados co coche eléctrica, e un plan para salvar as plantas que poidan estar en perigo de pechar pola obsolescencia dos compoñentes que fabrican. Isto ademais de reclamar que as axudas directas á compra de vehículos teñen que ter como mínimo o mesmo orzamento que as axudas para as persoas traballadoras que se vexan afectadas por períodos de inactividade.

O secretario nacional da CIG-Industria concluíu facendo un chamamento a continuar na loita e na mobilización nas empresas e na rúa para “reverter esta tendencia e erradicar do sector a precarización, explotación, deslocalización e reconversión” que se está instalando.