O sector de ambulancias manifestarase en Compostela o 1 de decembro en demanda da negociación do convenio
Delegados e delegadas do sector de ambulancias da área sanitaria de Santiago concentrábanse esta mañá diante do hospital Clínico para reclamar a negociación do convenio colectivo, cuxa vixencia rematou en 2015 sen que se revisaran, desde aquela, as súas condicións laborais e salariais. Ademais, fixeron un reparto entre usuarios e usuarias do centro hospitalario para que apoien as súas demandas na manifestación que a CIG ten convocada para o vindeiro día 1 de decembro, con saída da Praza Roxa ás 11:00 h.
O de hoxe non foi, en todo caso, o primeiro reparto que se fai. De feito lévanse realizando desde que se convocou a manifestación, así como asembleas de traballadores e difusión de carteis e pancartas.
O convenio colectivo do sector de ambulancias afecta a todos os traballadores do sector tanto do transporte programado como do urxente, arredor de 3.500 traballadores/as en toda Galiza e preto de 300 na comarca de Compostela.
Segundo explicou Mario Rodríguez, delegado da CIG en Casablanca e membro da comisión negociadora do convenio, coa manifestación prevista para o 1 de decembro queren denunciar as condicións que ten o sector e a deixadez da patronal á hora de sentarse a negociar. Unha deixadez que, asegurou “ten uns cómplices necesarios que, neste caso, son a consellaría de Sanidade, o 061 e a Xunta no seu conxunto”.
A este respecto explicou que levan intentando negociar este convenio desde 2015. Porén “a patronal deixou claro que quería unha prórroga dun ano para que non houbera ningún tipo de subida nin avances até como mínimo este ano. Nós dixémoslles que non, pero agora o están conseguindo pola vía práctica ao non sentarse a negociar”.
Traballadores/as en prácticas
Denunciou ademais as condicións salariais nas que está algúns traballadores/as e o exceso de horas que normalmente son extras e que non son pagadas. A isto engadiu a contratación de traballadores en prácticas que “son o caldo de cultivo para precarizar o sector, porque non se están facendo contratacións de vellos traballadores. Só se están contratando traballadores en prácticas que perciben un 40% dun salario normal”.
De feito asegurou que se pode dar o caso de que nunha mesma ambulancia estean traballando dous traballadores e un deles estea cobrando un 40% menos. “Isto cremos que repercute na calidade do servizo e, polo tanto, na calidade da atención das e dos doentes”.
Diante desta situación reclaman “ou ben a supresión deste tipo de contratos ou ben unha normativa que mellore o Real Decreto onde só se establece o 60 e o 75% do salario no primeiro ano e no que non se establece ningún tipo de obrigatoriedade de facelos indefinidos unha vez remate o contrato”.
Con todo, e aínda que responsabilizan ás empresas desta situación, por intentar xustificar unhas condicións inxustificábeis “aducindo que non sacan beneficios pola súa irresponsabilidade ao presentarse con rebaixas temerarias nos concursos por debaixo do custo real”, tamén consideran responsábel á administración –SERGAS, 061 e Xunta- porque “son perfectamente sabedoras tanto das condicións do material das ambulancias, como das condicións de traballo do persoal e nunca se fixo nada para solucionalo”.
A este respecto, Inácio Pavón, representante da FGAMT-CIG de Compostela, explicou que por iso demandan que se dignifique, no seu conxunto, o sector como servizo público que é e que o SERGAS “tome cartas no asunto e obrigue ás empresas a garantir unhas condicións dignas, tanto no económico, xornada e demais condicións laborais; como canto ás condicións materiais de prestación de servizos, de bases, ambulancias, uniformes ou prevención de riscos, entre outros.”
O sector de ambulancias tamén reclama avances en cuestións que considera importantes, como a recuperación da terceira paga, que foi eliminada no anterior convenio e o cumprimento dos protocolos de seguridade e de saúde do traballo que figuran nas plicas dos concursos pero que se están incumprindo.
Casos que relatan as e os traballadores como que, nalgúns casos, en lugar de ir dous traballadores/as na ambulancia, como sería preceptivo, vaia só o condutor e teña que facer tamén de camilleiro. “Isto provoca unha peor calidade no servizo, pero tamén riscos, porque ten habido accidentes de doentes que caen porque só había unha soa persoa para subilos á ambulancia”.