O soldo anual do persoal da limpeza de Lugo contratado a xornada completa apenas supera o salario mínimo
Centos de traballadoras e traballadores do sector da limpeza concentrábanse na mañá deste mércores ás portas da Confederación de empresarios/a de Lugo en defensa dun convenio colectivo que recolla verdadeiras melloras salariais e laborais. A protesta convocouse tras ficar adiada a folga indefinida prevista para este 29 de marzo, logo da apertura dunha mediación no AGA que posibilitou que hoxe mesmo se retomaran as negociacións. Porén, as centrais sindicais cualificaron de "absolutamente negativo" este primeiro encontro.
Carme Antas, da CIG-Servizos de Lugo, explica que se ben se produciu algún movemento na proposta presentada hoxe pola patronal, "este foi mínimo", polo que "non constatamos a posibilidade de evitar un futuro conflito no sector".
Así, a patronal propón un convenio cunha vixencia de 4 anos (2015-2018) e uns incrementos salariais do 0% para 2015; do 0,5% para 2016 (atrasos só de novembro e decembro); o 1% para 2017 e o 1,5% para o último ano de vixencia. En comparación coa última oferta patronal, antes de rachar as negociacións e acordarse a convocatoria de folga agora suspendida, a suba é ridícula e mantense a conxelación para o primeiro ano do convenio.
"A patronal segue a ofertar un convenio de miseria, pois pretende a conxelación salarial para o primeiro ano, unha suba de 62,20 euros/ano para o 2016 (dos que as traballadoras/es só percibirían 5,18 euros/ano os meses de novembro e decembro) e 125 euros/ano para 2017. Isto supón que, a xaneiro deste ano, o salario anual dunha empregada á xornada completa sería de 13.141,56 euros/ano, na práctica o Salario Medio Interprofesional", denuncia Antas.
Ás baixas retribucións, hai que engadir a precariedade que sofre o persoal, nun sector altamente feminizado e que na maioría dos casos traballa a tempo parcial, polo que perciben uns salarios de miseria e teñen unhas cotizacións cativas. Na provincia de Lugo hai unhas 2.000 persoas rexidas polo convenio da limpeza.
Nova xuntanza o luns
A parte social está disposta a esgotar todas as posibilidades de negociación e non deu por rematada a mediación. Deste xeito, as partes quedaron emprazadas a unha nova xuntanza o vindeiro luns 3 de abril, ás 11:30 horas. A este respecto, a representación sindical agarda que a patronal mova ficha e teña en conta "as grandes diferenzas salariais deste convenio en relación aos do mesmo sector do resto de provincias de Galiza".