O profesorado galego plántase para “Recuperar e Avanzar en Dereitos. Por un ensino público galego con futuro”
Profesorado, alumnado e ANPAS tomaron esta mañá as rúas de Compostela, coincidindo coa xornada de folga convocada para denunciar a política de recortes e propaganda do PP na Xunta de Galiza e para reclamar a recuperación de dereitos. Unha folga na que a CIG-Ensino sitúa por riba do 60% a porcentaxe de asistencia, cun incremento moi importante en infantil e primaria a respecto dos paros de 2023, “o que demostra a fartura e o malestar do profesorado coas políticas da Consellaría”.
Así o explicou a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, antes da saída da manifestación. “A resposta do profesorado ante os recortes e a propaganda da Consellaría secundando a folga e asistindo masivamente á manifestación é a máis contundente dos últimos anos”. O profesorado exixe ademais poder traballar en liberdade, sen censuras nin imposicións da consellaría de Educación.
Por iso, Arroxo, advertiu que “non imos permitir que ninguén nos diga como facer o noso traballo, nin que educación en valores temos que transmitir. Seguiremos denunciando, tamén nas aulas porque é a nosa responsabilidade, o plan de exterminio do galego, o xenocidio en Palestina e a depredación medioambiental que algunhas empresas queren facer do noso territorio”.
A manifestación partiu a mediodía desde a compostelá Praza de Cervantes para rematar diante da consellaría de Educación, no edificio administrativo de San Caetano. Con esta mobilización o ensino non universitario reclamaba, máis unha vez, a recuperación de dereitos, nomeadamente o horario lectivo recortado desde os anos 2011 e 2012, nos que se subiron a 25 horas en infantil e primaria e a 20 no resto de ensinanzas, respectivamente.
Xunto a isto demandaron avanzar en dereitos, como na redución de ratios en todas as etapas, maior persoal para atender a diversidade, eliminación da burocracia inútil e o recoñecemento salarial e profesional que merece o traballo docente.
Como se lembrou na lectura do manifesto, por parte da representante de STEG, Comba Campoy, e a secretaria nacional de CIG-Ensino, Laura Arroxo, á suma dos recortes nos últimos anos, e xa van 15, “engádenselle os últimos perpetrados este mesmo verán: a non convocatoria das prazas de atención preferente, nin das asesorías técnicas da Consellaría, a supresión de RAOGAL e a eliminación das licenzas por formación retribuídas. Até o último momento padecemos a política insaciábel da Consellaría de quitarnos dereitos á vez que incrementa de forma obscena a propaganda e a publicidade”.
Denunciaron ademais que nestes primeiros días de setembro “vimos como nin os fondos europeos cos que se financia o Plan Mega -e dos que a Xunta se apropiou para si- eran capaces de parchear as múltiples demandas de profesorado ou de persoal coidador para atender ao alumnado con necesidades que hai nos centros. Foron centos de centros, e cada día son máis, os que seguen petando na porta das inspeccións para que atendan as súas demandas. A isto, a mendigar polo que nos pertence, tamén nos quixeron acostumar nos últimos anos”.
Fronte a isto, Arroxo afirmou que “esta folga é xusta e é necesaria” lembrou que “e a nosa principal ferramenta como traballadores e traballadoras para amosar o noso malestar, a nosa fartura”. Advertiu, respecto da pretensión da consellaría de “dividirnos, estratificarnos, burocratizarnos e calarnos” e clamou porque “agora máis ca nunca temos que reaccionar, dicir abonda xa, porque o noso obxectivo común é a mellora do ensino público galego, e que se nos respecte e se nos trate dignamente, tanto a nivel profesional coma salarial”.
A secretaria nacional de CIG-Ensino concluíu afirmando que “as loitas sempre merecen a pena, todas as loitas, e hoxe aquí hai moitas, xunguidas e compartidas” e chamando a”manter a tensión e sumar desde mañá máis vontades nos centros, por parte de toda a comunidade educativa. Non podemos parar até conseguir recuperar o que é noso e avanzar en dereitos. Hoxe demostramos que xuntas somos máis fortes”.
A paciencia, ao límite
Advertiron que, porén, “a paciencia do profesorado chegou ao límite. Estanse esmagando os nosos dereitos pero tamén a nosa dignidade e por iso tamén estamos hoxe aquí”. Denunciaron que o abandono do alumnado máis vulnerábel é algo transversal a todas as etapas educativas.
Explicaron que no caso de infantil, primaria e educación especial “maniféstase en non dotar os centros con persoal de orientación, PT e AL suficiente”; en Secundaria e Bacharelato “en non autorizar desdobres, PDCs, en reducir os cupos a base de amortizar xubilacións e ter institutos masificados cunha soa persoa orientadora á fronte”; na FP e nas ensinanzas de réxime especial “en tratalas como se o problema non existira, con ratios inasumíbeis na FP a distancia, na básica e nos ciclos medios e ningunha medida pensada para atender a diversidade máis que que nos apañemos”.
Xunto a isto denunciaron o exceso de burocracia “inútil disfrazada de sistema de calidade e que só serve para lavarlle a cara á administración diante de posíbeis reclamacións ou para ternos afogados en trámites mentres desatendemos o importante, que é dar clase”.
En todo caso, a secretaria nacional de CIG-Ensino, Laura Arroxo, aclarou que o recente anuncio do goberno central, “de momento, queda en boas intencións, pero tal e como está redactado o anteproxecto de lei permítese a excepcionalidade de chegar até as 21 horas, así que xa sabemos ao que se vai agarrar a Xunta para non devolvernos o que é noso”.
Privatización e propaganda
A privatización da educación é, para Arroxo, outro dos males que tamén que se incrementa de forma acelerada ano tras ano. Por iso preguntouse “canto hai de proxectos eminentemente educativos e canto de negocio hai detrás” de programas como Edixgal, Polos Creativos, Educalidade ou FP dual.
Cuestión á que respondeu considerando que os orzamentos da consellaría aclaran esta cuestión. “Neste 2025 están por baixo do que se gastaba en 2009, cando o PP recuperou a Xunta, manteñen a cifra conxelada do total de número de docentes en 30.424 e non recuperan o pagamento do verán para o persoal substituto, cada vez máis precarizado”. Pola contra, dixo, “sobe un 60% o gasto en propaganda”.
A CIG-Ensino tampouco ve as melloras asinadas hai agora dous anos polo daquela candidato Rueda e os sindicatos “que lle deron as costas ao profesorado e en lugar de estar hoxe aquí preferiron asinar un folio en branco”.
A eles lanzoulles, a secretaria nacional, a pregunta de “onde está o cómputo como dobre ou triplo do alumnado con diversidade que figura nese acordo? Onde están as ratios máximas nas aulas mixtas? Onde está a autorización de desdobres sempre que se supere a matrícula preexistente? Que melloras viu o profesorado de Secundaria, Bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial despois deste acordo? Nada, ningunha. Nestes dous anos o único que quedou claro é o desprezo do goberno do PP polo seu profesorado. De aí que a resposta ten que ser igual de contundente que o dano que nos levan facendo todo este tempo”.