O Plan de ensino virtual exemplifica o absentismo da Consellaría na xestión da crise pola pandemia
“A Consellaría de Educación, tanto o equipo anterior de Carmen Pomar como o actual de Román Rodríguez, leva practicando o absentismo na xestión da crise educativa que se produciu a raíz da pandemia da COVID-19 desde o mes de marzo e o plan presentado hoxe para o ensino virtual non deixa de ser un exemplo máis desta actitude”. Así resume Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, a actuación do departamento da Xunta tras a reunión que mantivo co conselleiro este luns. Unha xuntanza que cualificou de “estéril en canto a solucións aos numerosos problemas que se viven día a día nos centros” e que chega despois do último encontro, hai 3 meses e medio, co anterior equipo da Consellaría para abordar a situación do ensino no marco da pandemia.
Na xuntanza, o sindicato intentou centrar o debate naquelas cuestións que seguen sendo fundamentais para reducir o risco de contaxio nas aulas e que seguen pendentes de solución: a redución de rateos e a autorización de desdobres, a semipresencialidade como último recurso, o rexeitamento aos anteparos, a contratación de profesorado de reforzo na distintas etapas, a dotación de material de protección para profesorado e alumnado,a condición de vulnerabilidade do persoal de risco, a situación discriminatoria de infantil, secundaria e educación especial con respecto a outros niveis, o esquecemento de escolas de idiomas, conservatorios e escolas de artes no protocolo da Xunta, etc.
Na reunión, na que estiveron presentes tamén representantes de Sanidade, o conselleiro limitouse a incidir na seguridade dos centros de ensino sen achegar datos que avalen esta afirmación e a “vender” os plans que aprobaron, nalgúns casos 7 meses despois do inicio da pandemia como o de hoxe sobre o ensino online,“que o único que fan é cargar aínda máis de traballo burocrático ao equipo directivo e docente”.
Opacidade nos datos
A falta de negociación coa representación do profesorado, principal actor no mantemento da calidade e da atención educativa desde que emerxeu o coronavirus na sociedade, e a opacidade en canto a datos e ás decisións tomadas foron outras das críticas que lle fixo Bermello a Román Rodríguez, ao que lle lembrou que mesmo tivo que ser o sindicato o que publicara diariamente os casos positivos detectados nos centros que a Consellaría de Sanidade lle remitía exclusivamente aos medios de comunicación. “Pero desa foto fixa diaria de casos activos non podemos extraer conclusións que serían valiosísimas á hora de planificar a resposta da administración fronte á pandemia no ámbito do ensino, como cantos casos pertencen a profesorado e cantos a alumnado, cantos a aulas masificadas ou cantos ás distintas etapas educativas”, explicou Bermello.
A redución dos contaxios nas aulas
O representante da CIG-Ensino tamén inquiriu o conselleiro de Educación polas cifras reais de desdobres e de contratación de profesorado fronte á propaganda lanzada nos últimos meses e que se demostraron como as medidas máis eficaces para reducir a propagación do virus nos centros de ensino. “Tal e como van confirmando as autoridades sanitarias e científicas, a baixa ocupación de espazos, o mantemento da distancia, o uso da máscara e a ventilación son eixos fundamentais para reducir a transmisión do virus, pero nestes momentos en Galiza temos aulas a tope de ratio. O ensino infantil e primario sobre todo das vilas e das grandes cidades está con 25 alumnos e alumnas por clase, os centros de Educación Especial non viron reforzado o seu cadro de persoal para protexer e garantir unha atención especializada do alumnado máis vulnerábel e no caso da ESO e Bacharelato onde timidamente se autorizaron desdobres pola presión social, sindical e do profesorado aínda hoxe hai aulas con máis de 30 estudantes”, indicou.
Neste sentido, a CIG-Ensino pediu tamén información sobre o recurso á semipresencialidade, “que desde o sindicato sempre entendemos que debe ser a última solución”, para ver en cantos grupos se estaba levando a cabo tendo en conta que en 2º de Bacharelato, por exemplo, contou cunha forte oposición de alumnado e familias para que non existiran discriminacións entre centros á hora de acceder posteriormente á universidade. Así mesmo, Bermello tamén se referiu aos anteparos, “a medida estrela do novo equipo da Consellaría como escusa para non facilitar os desdobres, e que á vista das últimas evidencias científicas sobre o contaxio a través de aerosois poden resultar até contraproducentes”.
As cifras de profesorado contratado, outra estratexia de propaganda
Con respecto á contratación de docentes de reforzo a CIG-Ensino acusou á Consellaría de inflar as cifras e mentir descaradamente. Primeiro ao computar neste apartado o profesorado que aínda está pendente de incorporarse dos programas Arco, unha iniciativa que leva anos implantada no ensino e que tal e como confirmou o Ministerio de Educación na última Mesa Sectorial docente non se poden computar como gasto derivado da pandemia.
En segundo lugar tamén se produciu unha manipulación do número das aulas habilitadas en Primaria e Infantil, é dicir, este ano a Consellaría viuse obrigada a cumprir a lei que obriga a que nestes niveis non existan máis de 25 estudantes por aula, polo que tivo que autorizar desdobres onde se superaba esa cifra. Aínda así, a CIG-Ensino solicitou un listado das aulas que se habilitaran de novo e a Consellaría publicou unha relación inexacta e manipulada ao incluír algunhas que xa levaban varios anos en funcionamento.
En relación aos supostos incrementos de persoal nas etapas de Secundaria, Bacharelato e FP, a única medida positiva das levadas a cabo pola Consellaría aínda que claramente insuficiente, a cifra de docentes adxudicados no Concurso de Adxudicación de Destinos Provisionais a comezos de curso tamén foi inferior ao anunciado pola administración “polo que seguimos sen saber as cifras reais de reforzos docentes por mor da pandemia en Galiza”, sentenciou Bermello.
A deficiente xestión dos casos positivos e a falta de material de protección
Outro dos puntos que centrou boa parte da intervención do representante da CIG-Ensino foron as queixas de profesorado, equipos directivos, alumnado e familias ante a xestión dos casos positivos nos centros. A falta de criterios comúns, claros e transparentes e a sensación de descoordinación, de caos e de carencia de medios, fundamentalmente de rastrexadores, fai que cada vez que xorde un caso positivo nun centro educativo a resposta sexa vario pinta.
“Desde docentes que coñecen pola prensa o peche dunha aula, criterios dispares á hora de realizar PCRs ou de decretar corentenas preventivas, persoas que tiveron contacto estreito con positivos que teñen que insistir ante a súa profesional sanitaria de referencia para que lles fagan as probas, problemas para xustificar a obriga de garda legal no caso de menores ou persoas a cargo en corentena ou illamentos preventivos… Estas situacións e a falta de material de protección facilitado pola administración, como é o seu deber e como denunciamos ante a Inspección de Traballo, son as principais queixas e reivindicacións do profesorado, dos equipos directivos e do equipo COVID que están sobrecargados de responsabilidade e de traballo e asumindo tarefas de rastrexadores, técnicos de PRL e sanitarios e suplindo a administración en moitas encomendas que lle corresponderían en exclusiva”, detallou Bermello.
O secretario nacional da CIG-Ensino adiantou que “agardaremos a ver cal é a resposta da inspección de Traballo ante estas denuncias e as que teñen que ver co non recoñecemento de vulnerabilidade fronte á COVID de persoal considerado sensible ou con patoloxías previas e que si tivo esta consideración no último trimestre do curso pasado, cando na Consellaría se estaba máis pendente das eleccións”, avanzou á vez que tamén se referiu á situación de alumnado de risco ou que convive con persoas con enfermidades graves e ao que non se lle está dando unha solución específica.
Ventilación e purificadores de aire nas aulas
Tamén se abordou todo o que ten que ver coa ventilación e os debates sobre o papel dos purificadores de aire nas aulas. Na súa intervención, o secretario nacional da CIG-Ensino instou á administración a non ir por detrás das evidencias científicas, como no caso da separación de metro e medio de distancia, e a asumir a súa responsabilidade ao respecto da necesidade de dotar deste material as aulas nas que, por cuestións climatolóxicas, non se poida realizar unha ventilación natural continuada durante o inverno. “Até o de agora non hai unha razón científica ou sanitaria dada pola administración para desaconsellar o seu uso, o que pode dar pé a interpretar que se trata de razóns meramente económicas”, dixo Bermello.
O novo plan para o ensino online, “o ti vai facendo 2.0”
Por último, e ante o novo plan presentado esta mañá polo conselleiro, a CIG-Ensino veu a insistir en que a administración pretende unha vez máis que en sete días as direccións e os equipos docentes fagan o traballo que ela non fixo en máis de sete meses.
Na guía feita pública este luns non se aborda que pasa co alumnado que estea confinado parcialmente e vólvese sobrecargar de traballo burocrático aos equipos directivos coa elaboración de horarios espello, dun plan de adaptación desta guía edunha avaliación semanal do traballo que se teña que realizar en situacións de peche. Todo isto sen garantir que tanto alumnado como profesorado vaian ter todo o material informático e de conexión necesario para desenvolver ese ensino online e, no caso do persoal docente, a formación específica para levar adiante este plan.