O persoal de Pescanova Arteixo iniciará mobilizacións en demanda dun convenio digno
A asemblea de traballadoras e traballadores da fábrica de Pescanova en Arteixo acordou iniciar un calendario de mobilizacións en demanda dun convenio digno que supoña melloras reais nas condicións salariais e sociais. A primeira concentración terá lugar o vindeiro luns, 4 de xullo, de 13 a 15 horas, diante das instalacións da empresa e a protesta repetirase no mesmo horario o venres 8 de xullo.
Con estas concentracións quérese denunciar o bloqueo na negociación do novo convenio colectivo para o centro industrial de Arteixo, debido á negativa reiterada da dirección a asumir ningunha das melloras en materia económica e sociais propostas pola parte social.
Incremento lineal para recortar as diferenzas cos salarios das outras plantas
No punto económico, ao incremento salarial igual ao xa pactado para as instalacións de Nueva Pescanova en Chapela e O Porriño, o comité demanda a aplicación dunha suba lineal de 200€/ano para cada traballador e traballadora, co obxectivo de reducir as diferenzas retributivas que existen co persoal das outras plantas, que teñen uns salarios superiores aos que se perciben en Arteixo.
Neste senso, Dores Martínez, secretaria nacional da FGAMT-CIG, explica que a demanda social non é equiparar o total da masa salarial, senón evitar que se amplíen cada vez máis as desigualdades entre o cobran as traballadoras/es de Arteixo e o que cobra o persoal dos outros centros de Pescanova. "É unha demanda xusta e está totalmente xustificada, se unicamente se aplican as subas porcentuais nunca se poderán recortar estas diferenzas", asevera. Pero a empresa négase a aceptar esta proposta.
De todo o abano de propostas de incremento adicional formulados na plataforma inicial, para chegar a un acordo de peche da negociación do novo convenio, a parte social exixe unicamente unha paga adicional de 200€/ano por traballador/a, e isto a conta de eximir a empresa da creación dun fondo social e de liberala da taxa de temporalidade pola contratación a través de ETT, que segundo di Pescanova lle ten un custe 10.000€/ano. "De maneira que ese gasto, xunto co importe do fondo de acción social, se destine ao incremento lineal que estamos demandando", apunta Martínez.
Pescanova tampouco quere asumir melloras sociais
Pero a negativa da empresa non se cingue só ás cuestións económicas, senón que non está disposta sequera a aceptar demandas que non lle carrexan custes adicionais, como por exemplo eliminar a obrigatoriedade de xustificar o permiso non retribuído de 10 días por ano, que xa está recollido no convenio.
Como tamén rexeita ampliar que se amplíe un día o permiso retribuído para as intervencións non programadas con hospitalización á familiares de primeiro grao, incluíndo aos irmáns e irmás.
Xunto a isto, a dirección de Pescanova Arteixo négase tamén a regular a desconexión dixital e que todo o tempo dedicado ás reunións necesarias para o funcionamento da empresa que se fagan fóra da xornada sexa considerado tempo efectivo de traballo e, polo tanto, descontado da xornada ordinaria. Esta reivindicación ten moita importante por no centro de Arteixo son habituais as reunións telemáticas cos centros de América do Sur polo que, debido ás diferenzas horarias, na maioría das ocasións as xuntanzas teñen lugar fóra da xornada ordinaria. Pero a empresa non quere recoñecer este tempo como traballo efectivo, condenando o persoal a realizar horas de máis no seu tempo de descanso, que tampouco son retribuídas.
Diante desta intransixencia da dirección, a asemblea acordou iniciar estas primeiras dúas concentracións e non descarta intensificar as mobilizacións se a empresa teima en non recoñecer ningunha das xustas reivindicacións trasladadas para o novo convenio.