O persoal de Maitours (Alsa Ferrol) irá á folga indefinida para exixir que se lle aplique o convenio provincial
Os traballadores e as traballadoras do servizo das liñas de autobús de Ferrol, Narón e Neda irán á folga indefinida a partir do 15 de xullo para reclamar que se lles aplique o convenio provincial do transporte de viaxeiros/as por estrada. Este servizo está adxudicado á UTE formada por Intercar e Maitours (ambas do grupo Alsa).
Así o anunciaron este luns en rolda de prensa os tres delegados de persoal, José Luis Taboada, Silverio Castro e Javier Rodeiro, o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, e a responsábel sectorial da FGAMT-CIG de Ferrol, Bea Fernández, quen explicaron que o conflito laboral deriva da negativa da UTE a uniformizar as condicións dos traballadores e traballadoras que viñeron subrogados de Tranvías de Ferrol e que se integraron en Maitours.
Pastoriza aclarou que no actual Plan de Transporte público, a Consellaría fusionou nun único contrato as liñas que antes prestaba Monbus e os servizos que facía Tranvías de Ferrol. Esta última empresa tiña convenio propio e a nova adxudicataria continuou aplicándolle as condicións que traía o persoal, mentres que os traballadores/as que foron subrogados a Intercar están regulados polo convenio sectorial.
"A CIG denunciou en vía xudicial que o persoal de Maitours tiña que pasar ao convenio provincial do transporte de viaxeiros/as e a xustiza deunos a razón, pero indicando que se materializaría o cambio unha vez publicado o convenio no BOP", sinalou.
Coa razón na man, o problema agora é o boicot da patronal "que sistematicamente atopa escusa para non sentar e asinar o convenio provincial, a pesar de que xa está todo acordado e que as táboas salariais xa foron publicadas. Só queda unificar o actual convenio que está prorrogado e as novas táboas nun documento e asinar por ambas partes", salienta Pastoriza.
O representante da CIG entende que a propia Alsa está instando esta demora para non ter que aplicarlle os incrementos salariais ao persoal Maitours e, nomeadamente, o concepto da antigüidade que no convenio de Tranvías non existía e o pago das dietas.
Unha manobra que cualifica de "sen sentido" porque "canto máis se tarde en asinar maiores serán os atrasos que teña que pagar Maitours". Pero ademais, para representación do persoal, unha vez que xa foron publicadas as táboas salariais, "a empresa debe executar a sentenza e aplicar de inmediato a parte económica, aínda que non estea publicada a integridade do convenio".
Salarios conxelados dende 2020
Esta discrepancia de interpretación e o boicot da patronal a ratificar o convenio provocan que o persoal de Maitours (máis de 40 persoas) leve dende o ano 2020 cos soldos conxelados, a pesar do custe disparado da vida e do aumento do volume de traballo. Unha situación discriminatoria e inxusta, tendo en conta que os compañeiros e compañeiras de Intercar (ao igual que o resto do sector) xa percibiron os incrementos pactados no convenio.
A isto hai que engadirlle outros incumprimentos como que a empresa non compensa os festivos traballados (nin en cartos en tempo de descanso) ou que lle segue aplicando o convenio de Tranvías ao persoal de recente incorporación, o que constitúe "unha clara ilegalidade" xa que o marco regulador de referencia é o convenio colectivo provincial.
Por iso, en resposta a teimosía do grupo Alsa a non recoñecerlle os dereitos ao seu persoal e ante a inacción da patronal provincial, acordouse en asemblea iniciar folga indefinida en Maitours (o paro non afecta a Intercar) para demandarlle á empresa que, de inmediato, aplique as táboas salariais e que cumpra coa legalidade vixente no resto de materias.
A este respecto, na rolda de prensa criticouse a falta de contactos por parte da empresa e que, a estas alturas, a Xunta de Galiza aínda non teña comunicados os servizos mínimos.
De igual xeito, fixeron un chamamento á patronal do sector para que atenda as solicitudes da representación sindical e proceda a asinar o convenio colectivo de transporte de viaxeiros/as da Coruña, avanzando que, do contrario, a conflitividade podería estenderse ao conxunto do sector.