O persoal da limpeza de Lugo decidirá en asemblea que medidas tomar ante as propostas de miseria da patronal
Coincidindo cunha nova reunión da mesa de negociación, traballadoras e traballadores do sector da limpeza concentráronse este martes diante da sede da Confederación de Empresarios/as de Lugo para reclamar un convenio digno. O persoal rexeita as propostas de miseria presentadas pola patronal e lembra que as táboas salariais xa foron superadas polo SMI.
Aínda que a xuntanza contou coa representante de ASPEL (a patronal estatal) que veu expresamente de Madrid, "non houbo ningún tipo de avance porque seguen mantendo a mesma proposta que trasladaron na reunión anterior", critica Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos de Lugo.
Dita proposta consiste nun incremento salarial do 12% a repartir nos catro anos de vixencia do convenio (2022 a 2025), pero con conxelación para o primeiro ano, sen xerar atrasos e cunha cativa prima de 200 euros para "compensar" a perda de poder adquisitivo dese exercicio. Non hai que esquecer que no período 2021- 2022, a suma dos IPC foi do 12,20%.
Pero ademais, a oferta patronal tampouco contempla ningún tipo de cláusula de revisión que permita garantir o mantemento da capacidade adquisitiva, nun sector no que as táboas de convenio xa foron superadas polo SMI e as traballadoras son cada día máis pobres, malia realizaren unha actividade considerada esencial. "O que propón a patronal suporía consolidar esta precariedade e deixar os salarios do sector na miseria", valora Castiñeira.
Asembleas este mércores
Para este mércores día 7 están convocadas asembleas do persoal para abordar a falta de avances na negociación e decidir que medidas pór en marcha. Neste senso, a representante da CIG subliña que o sector "está moi enfadado e moi canso de vivir na precariedade, pois a patronal sempre fai o mesmo, atrasa o inicio das negociacións, logo non quere asumir ningún tipo de incremento con carácter retroactivo e limítase a ofrecer condicións de miseria".
Mais desta volta, as traballadoras xa advirten que non están dispostas a asumir a perda do poder adquisitivo durante os anos 2022 e 2023.