O persoal dos centros de chamadas colga os cascos de xeito maioritario
A cuarta xornada de folga por un convenio digno nos centros de chamadas deste 2016 está a ter en Galiza un seguimento maioritario, segundo as estimacións da CIG. Para visibilizar o conflito que vive o sector, as traballadoras e traballadores realizaron mobilizacións en Vigo, A Coruña, Lugo e Ourense (cidades onde se concentran as grandes empresas) para rexeitar as pretensións da patronal de subir un miserento 1% os salarios, así como os recortes en horas médicas e as maiores dificultades para a conciliación. Medidas que, no seu conxunto, precarizan aínda máis as condicións laborais no sector.
Un sector á vangarda da mobilización da clase traballadora galega
O sector dos centros de chamadas está situarse en 2016 na Galiza á vangarda na mobilización da clase traballadora, colleitando nada menos que catro folgas sectoriais de 24 horas tan só neste ano, ás que hai que sumar outras castro xornadas de paros parciais. E estas cifras reflicten unicamente a conflitividade relacionada coas negociacións do convenio, xa que nos últimos meses están a librarse tamén importantes loitas en empresas como Extel, onde as traballadoras deron un auténtico exemplo de combatividade e tenacidade nas súas reivindicacións contra o ERE.
2016: un ano de loita por un convenio digno
- 2 de febreiro - 1 hora por quenda
- 5 de abril - folga 24 horas
- 6 de maio - paros de 1 hora
- 11 de xullo - folga 24 horas
- 22 de setembro - 2 horas/quenda
- 29 de setembro - 2 horas por quenda
- 6 de outubro - folga de 24 horas
- 28 novembro - folga de 24 horas
No que atinxe ao resto do sector na Galiza, se ben é certo que non sofreron no ano presente despedimentos colectivos desa entidade, padécese un día a día de abusos e actitudes agresivas por parte dos departamentos de recursos humanos das empresas, que motivan un ir e vir constante das delegadas aos locais da CIG, a Inspección de Traballo ou aos xulgados do social, procurando apagar os numerosos focos na particular guerra de desgaste que libra a patronal para precarizar aínda máis o sector. E todo iso nun contexto de auxe onde continúan a repartir beneficios millonarios, sen por iso repartir en absoluto o lucro.
Desde a CIG dos Centros de Chamadas saben, no entanto, que é fulcral preparar o persoal do sector para dar unha batalla de máis alcance, a do convenio colectivo, que constitúe nada menos que o alicerce xurídico sobre o que o empresariado edifica a precariedade. É, por tanto, fundamental, para as traballadoras/es o lograren un acordo favorábel aos seus intereses, chocando inevitabelmente cunha patronal que quere consolidar o sector nunha precariedade perenne.
De aí que se chegue a unha cuarta xornada de folga, despois de que os paros anteriores non fixesen desistir o empresariado dos principais desafíos que formula en sucesivas negociacións, cunha prepotencia que mesmo levou a que cancelasen a última cita de xeito unilateral.
Perda constante de poder adquisitivo e dereitos
SALARIOS - Plataforma CIG
- Suba liñal de 540 euros
- Complemento quinquenio 50 euros
- Complemento idioma
- Recargo equivalente a domingos cando se traballe en sábado
A proposta de suba salarial dun exíguo 1% supón, para a CIG, unha “auténtica tomadura de pelo”, tendo en conta que as subas do IPC desde a aprobación do anterior convenio “esixirían un mínimo do 8%” para uns salarios que rara vez chegan a mileuristas. A plataforma que defende a CIG propón, de feito, unha suba liñal de 540 euros para que os salarios manteñan o poder adquisitivo, así como incluir un complemento de quinquenio correspondente a 50 euros. Tamén un complemento de idioma polo eventual uso do galego ou que o traballo en sábado sexa retribuído como o dos domingos.
As propostas son aínda máis involucionistas, porén, no campo da conciliación da vida laboral e persoal, onde se na actualidade se fai extremadamente complicado coordenar as cargas familiares, agora preténdese que ao 40% do cadro se lle poidan asignar quendas horarias preavisando con tan só unha semana de antelación, podendo incluso modificarllo. É a tan cacarexada flexibilidade horaria -que seica traerá tempos de bonanza para a economía- que incompatibiliza ter unha vida ou familia alén do tempo de traballo. E todo iso nun sector no que a media de idade vai subindo ano tras ano, e onde o estereotipo de persoa xoven que concibe este traballo como transitorio perde toda a súa validez.
A CIG, pola contra, propón unha duración máxima de xornada de 35 horas semanais sen rebaixa salarial, así como a eliminación da xornada irregular, paliándoo con novas contratacións específicas. Tamén aumentar os tempos de descanso, quendas continuas para o 60% do persoal, compensacións diarias de 7 euros para contratos con quendas partidas ou que aqueles/as que conten con cargas familiares teñan preferencia á hora de elixiren quenda.
XORNADA - Plataforma CIG
- 35 horas semanais xornada máxima
- Eliminación xornada irregular
- Aumentar tempos descanso
- 20 min: xornada entre 4 e 6h
- 30 min: xornada +6 horas
- Quendas continuas para o 60%
- Compensacións de 7 euros/día para quendas partidas
- Elección preferente de quenda cando se teñan cargas familiares
Por se todo o dito até agora parecese pouco, o empresariado quere recortar as 35 horas médicas retribuídas, propondo unha fórmula onde serían proporcionais á xornada de cada contrato. A CIG, pola súa banda, propón aumentalas a 42 e ampliar a súa cobertura para acompañamento a fillos/as menores de 14 anos, ascendentes maiores de 65 e dependentes. A iso engade a necesidade de aumentar todos os permisos até o terceiro grao de parentesco, un novo permiso de 3 días de libre disposición ou 15 días por matrimonio a parellas de feito.
“Non se pode considerar a estas alturas o sector de Contact Center como actividade en vías de consolidación”, sostén a plataforma da central nacionalista, que reivindica que o persoal debe ter contratos fixos, ficando os temporais para “casuísticas moi determinadas”, como subtitucións por baixas de longa duración ou vacacións. E no tocante aos contratos de obra e servizo “deberían limitarse a novas campañas con duración igual ou inferior a seis meses”, eliminándose, asemade, os contratos formativos, “que non teñen ningún tipo de xustificación no sector”.
Entre outras propostas, figura tamén a de eliminar o tristemente coñecido Artigo 17, que facilita despedimentos colectivos á marxe das garantías previstas na lexislación básica, ou a de establecer pausas mínimas entre chamadas de 50 segundos, así como limitar as cargas de traballo máximas para velar pola saúde dos e das traballadores/as.
OUTRAS PROPOSTAS
- Eliminación do Artigo 17 (despedimento colectivo sen garantías)
- Pausas mínimas de 50 segundos entre chamadas
- Limitar as cargas de traballo
Desde a Confederación aseguran que se contásemos cun convenio de ámbito galego as negociacións serían moito máis favorábeis, dada a posición da central como primeira forza en número de delegados/as no sector no noso país, así como en liderar a resposta por un convenio digno.
Deste xeito, a campaña que comezou a CIG en solitario mediante concentracións en novembro de 2015, tendo continuidade en catro xornadas de paros parciais e en dúas folgas en solitario -5 de abril e 11 de xullo-, así como na do pasado 6 de outubro xunto ás restantes centrais, contou de novo cun seguimento maioritario na folga de 24 horas deste este luns 28 de novembro.
O éxito das protestas debería provocar, en palabras da responsábel do sector, Laura Pérez, "unha reflexión seria á patronal", que "debería rectificar a súa postura", á vez que asegurou que as mobilizacións continuarán se o empresariado continúa na súa actitude, segundo declarou ao final da manifestación de Vigo.