O persoal dos centros de chamadas colga os cascos en demanda dun convenio digno
Traballadoras e traballadores dos centros de chamadas de Galiza están secundando este mércores unha xornada de folga, convocada pola CIG, para esixir un convenio colectivo xusto, que dignifique as condicións laborais e salariais do sector. Con motivo do paro, realizáronse concentracións en Vigo, A Coruña, A Estrada e Sarria nas que se denunciaron as propostas de precariedade formuladas pola da patronal que, tras dous anos de negociación, non só se nega a aplicar unha suba que garanta a recuperación do poder adquisitivo dos salarios, senón que incluso pretende recortar dereitos xa consolidados.
Sobre o seguimento global da folga, a coordinadora do sector da CIG, Patricia Cordo, situouno nun 60%, aínda que matizou que está sendo irregular, rexistrándose unha importante participación nas empresas máis grandes e sindicalizadas (de arredor do 75%) e un menor seguimento naqueles centros máis pequenos e menos consolidadas e entre o persoal de ETT. Non obstante, apuntou que cuantificar o seguimento do paro resulta complexo, tendo en conta que o 70% do persoal está en situación de teletraballo.
A patronal quere consolidar a miseria e a precariedade laboral
En canto ás negociación do convenio (que é de ámbito estatal), Cordo denunciou que a patronal pretende consolidar os baixos salarios e a precariedade, presentando unha proposta económica de miseria: do 0% para 2020, do 0.8% para 2021, do 2.5% para o ano 2022 e do IPC +0.5% para 2023, pero establecendo un tope de suba do 2.5%.
Tendo en conta que o pasado ano o IPC pechou no 6.7% en Galiza e está previsto que supere o 7% neste exercicio, "a proposta da patronal non garante nin sequera o mantemento do poder adquisitivo, e non falemos xa de recuperar as cantidades perdidas nos últimos anos". Neste senso, a representante da CIG advirte que, a nivel retributivo, "xa hai categorías que, tras da última suba, foron superadas polo SMI e polo tanto tiveron que ser actualizadas ao salario mínimo".
Pero á patronal non lle chega con propor subas irrisorias, senón que busca afondar na precariedade laboral, negándose á transformación inmediata dos contratos por obra e servizo no sector, que están en fraude de lei, segundo declarou a sentenza da Audiencia Nacional. Ao contrario, aproveitándose da nova reforma laboral, puxeron enriba da mesa un modelo de contratación temporal por circunstancias da produción que imposibilita a estabilidade laboral e un modelo de contrato fixo-descontinuo, que suporía estar seis meses no desemprego e seis traballando.
Ademais, a patronal quere seguir mantendo a contratación a tempo parcial, con contratos de 15 horas semanais (o que dá salarios de 450€), concatenando ampliacións de xornada cando ás empresas lle convén e "vivindo co medo de quedar sen a ampliación por coller unha baixa, facer uso dun permiso ou acudir a unha consulta médica".
Xunto a isto, Cordo denuncia que a patronal tamén quere mudar o modelo de cálculo da xornada, que até agora estaba fixada nun máximo de 39 horas mensuais, pasando a facer un reparto mes a mes da xornada cun máximo de 1.764 horas. Deste xeito, a patronal pretende poder distribuír ao seu antollo a xornada, subindo e baixando as horas mensuais de traballo segundo lle conveña.
A maiores, o empresariado quere aproveitar para eliminar os poucos dereitos acadados nos anteriores convenios e reducir os complementos de IT ou as horas médicas.
"É dicir, a patronal quere sacar desta negociación máis precariedade e inestabilidade, máis escravitude. E non o podemos permitir", aseverou Cordo, quen adiantou que a CIG continuará coas mobilizacións até conseguir un convenio que responda ás reivindicacións do persoal e dignifique dunha vez as condicións laborais e salariais no sector.
Readmisión do persoal despedido na central do 061
Na concentración realizada diante do CIAG-061, na Estrada, aproveitouse tamén para demandar a readmisión dos traballadores despedidos por Fidelis (concesionaria do centro de chamadas do servizo de urxencias sanitarias do 061 en Galiza). O comité deste centro de traballo entende que os despedimentos foron feitos en fraude de lei, xa que aínda que a empresa sostén que se trata de dúas finalizacións de contrato o certo é que os afectados teñen unha media de sete anos de antigüidade na compañía.