O persoal dos autobuses urbanos de Vigo reclámalles medidas de seguridade á empresa e ao Concello
O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo, vén de reclamarlle á dirección e ao Concello unha serie de medidas de seguridade destinadas a protexer a saúde dos condutores/as mentres dure a alerta sanitaria provocada polo novo coronavirus. Dende a representación dos traballadores/as consideran “insuficientes e ridículas” as actuacións levadas a cabo neste sentido pola compañía e polos responsábeis municipais.
En concreto, o persoal de Vitrasa demanda a eliminación do pago en efectivo para non manipular moeda e manter a distancia de seguridade; que a subida e baixada de viaxeiros/as se realice pola porta traseira; que se impida o acceso á plataforma dianteira e á zona de condución, delimitando o paso mediante cintas; e que se estableza un límite de aforo que garanta a distancia de seguridade.
Dende o comité lembran que os condutores/as poden chegar a ser tanto portadores/as como receptores/as do virus. Ademais, debido á inexistencia dunha rede de servizos hixiénicos proporcionados pola empresa e/ou Concello de Vigo (reivindicación histórica do persoal) e ao peche de establecementos de hostalería, os condutores/as de Vitrasa non poden realizar as súas necesidades fisiolóxicas en condicións durante a súa xornada de traballo.
Así, lamentan a negativa da empresa á colocación de mamparas solicitada desde 2016, considerando que neste momento sería o máis efectivo. “Esperamos que a súa instalación se produza o máis axiña posible”, sinalan.
Así mesmo, solicítanlles aos usuarios/as a súa máxima colaboración seguindo as normas ditadas polo Ministerio de Sanidade: que manteñan a separación mínima, evitar consultas ao persoal de condución e colaborar o máximo posible para evitar a propagación desta enfermidade.