O persoal dos autobuses urbanos da Coruña irá á folga o 16 de novembro por un convenio digno

O comité denuncia a sobrecarga de traballo e a precarización na contratación mentres aumentan o número de persoas viaxeiras e os beneficios empresariais
A Coruña - 10 Nov 2026

O comité da Compañía de Tranvías da Coruña -empresa que presta o servizo de transporte urbano na cidade- vén de informar da convocatoria de folga para o luns 16 de novembro ante a falta de avances na negociación do convenio colectivo e a negativa da dirección a asumir as reivindicacións trasladadas pola parte social.

Ademais do paro, como primeira medida de presión, dende o pasado día 2 o comité instou o persoal a deixar de realizar horas extraordinarias até que se retome a negociación. Con este obxectivo, o comité (UGT, CIG e GTT) solicita do cadro de persoal “que faga unica e exclusivamente a quenda que lle corresponda sen realizar ningunha hora extra e que goce dos seus descansos”. Esta medida, tendo en conta o axustado cadro de persoal, terá unha afectación directa na realización do servizo.

Máis carga de traballo e peores condicións

A representación das traballadoras e traballadores considera “imprescindíbel” que a empresa “escoite e valore as nosas reivindicacións”, ante unha situación laboral “insostíbel, con récord de persoas viaxeiras e beneficios”. Advirten que “o persoal non atura máis”, e denuncian que “a carga de traballo que soporta cada persoa é moi superior á do resto do sector, mentres a empresa enche os petos de billetes, sendo a empresa máis rendíbel do Estado”.

Critican que a pesar destes resultados, nos últimos anos precarizouse a contratación, aumentando a temporalidade fronte aos contratos indefinidos e “prolongando a duración para dispor ao seu antollo do persoal por medo a non ser contratado indefinidamente”.

Así mesmo, o comité alerta que o persoal está farto de traballar con autobuses e material obsoleto “nunha cidade cada vez máis colapsada e cun número de persoas viaxeiras que crece exponencialmente coa aparición de novos barrios”. Neste senso, a representación social afirma comprender “perfectamente” as queixas das persoas usuarias polo exceso de aforo que se rexistra nas liñas a calquera hora.

O comité tamén denuncia que a presión para cumprir horarios imposíbeis sen descanso estabelecido (que sempre depende da carga de traballo), o exceso de viaxeiros e viaxeiras, as horas extra, ou a nula planificación ante os eventos “son factores que poñen en risco a nosa saúde mental, e provocan insomnio e ansiedade”. Esta situación incide no incremento das incapacidades e baixas de longa duración, así como na aparición de “enfermidades crónicas que afectan á nosa vida”.