O persoal dos autobuses rexeita o preacordo de convenio asinado por UGT, CCOO e a patronal
O persoal do transporte de persoas por estrada da provincia da Coruña rexeitou por 831 votos en contra (70%) fronte aos 336 a favor (28%), o preacordo asinado por UGT, CCOO e a patronal para o novo convenio. Confírmase así a postura ao Non defendida pola CIG porque o documento pactado non responde aos obxectivos marcados polo sector para esta negociación nin resulta suficiente despois de dous meses de conflito e 10 días de folga.
Este resultado, ademais, prodúcese a pesar dos esforzos que fixo a patronal (coa convivencia de UGT e CCOO) para condicionar o voto dunha parte do persoal, e o despropósito que supuxo introducir unha votación en urna nun sector no que nunca se utilizara este sistema de validacion pola complexidade que implica. De feito as patronal atrasou ao máximo o traslado dos censos, enviou modificacións pouco antes do inicio da votación e mesmo remitiu listados de persoal doutras provincias. Sen deixar de lado que no proceso mesmo chegaron a participar os xerentes dalgunhas compañías que participarom na mediación pola parte empresarial.
Neste senso, a CIG agradécelle ao persoal o esforzo feito durante todo o conflito, e en particular nesta xornada, a pesar das presións de todo tipo e dos intentos de manipulación.
Ante este cambio de escenario, a CIG solicitará unha xuntanza urxente da mediacion para continuar negociando e traballará para recompoñer a unidade sindical co obxectivo de acadar o mellor convenio posíbel para o sector.
En atención a facilitar o diálogo, a CIG avoga por manter as suspensión da folga indefinida, dando como prazo até o vindeiro luns para chegar a un acordo digno que peche de maneira definitiva o conflito.
A CIG entende que este resultado obrígalle á patronal a negociar para avanzar na mellora das condicións laborais e salariais, polo que as central vai defender a proposta que fixo constar na acta da reunión na que se asinou o preacordo. Tamén chama o sector a non resignarse nin decaer e manter a mesma firmeza na demanda dun convenio digno que a demostrada até agora, sobre todo despois de manifestar ás claras que as ofertas feitas pola patronal non colman as súas expectativas.
Resultados por urnas
As votacións desenvolvéronse de 10h a 20h nas estacións e os resultados por urnas foron os seguintes:
•A Coruña: 303 non, 124 si, 7 brancos e 3 nulos.
•Santiago de Compostela: 298 non, 171 si, 7 brancos e 6 nulos.
•Ferrol: 148 non, 33 si, 5 brancos, 5 nulo.
•Carballo: 82 non, 8 si, 1 branco.
Total: 831 non, 336 si, 20 brancos e 14 nulos