O persoal do servizo de limpeza de Ames non descarta ir á folga se Urbaser mantén a súa mísera proposta para o convenio
As traballadoras e traballadores de URBASER, concesionaria do servizo de limpeza viaria e xestión do punto limpo do concello de Ames, acordaron que irán á folga indefinida se a empresa mantén a proposta económica que puxo sobre a mesa. Ademais teñen convocada unha concentración para este venres, día 21 de abril, diante da casa do concello, en Bertamiráns.
Así o explicaron esta mañá en rolda de prensa o secretario comarcal da CIG-Servizos, Roberto Alonso, e Adrián Bascoy, delegado de persoal en URBASER SA en Ames. Un centro de traballo no que teñen un convenio colectivo propio que rematou o 31 de decembro de 2021.
A este respecto, Alonso explicou que durante 2022 non se puido negociar o convenio porque coincidiu que saída a concurso da contrata do servizo e houbo que agardar a que se adxudicara a nova contrata a unha nova empresa, en xullo do ano pasado. Pero logo do verán mantivéronse un par de xuntanzas coa dirección de Urbaser.
A empresa presentou unha proposta económica que Alonso cualificou como “pírrica” dado que nin sequera contempla a suba do IPC que houbo en 2021, que foi dun 6,5% e no ano 2022 foi dun 5,7%. Xunto a isto Urbaser fixo unha proposta dun convenio colectivo dunha duración de catro anos, que consideran “excesivamente longo” pola incertidume respecto das subas do IVE, segundo Bascoy.
Nesta mesa liña Alonso apuntou que as empresas “non recollen a cláusula de revisión do IPC que antes si se contemplaba”. Por iso, “os convenios teñen que ser curtos ara poder ir adaptando ao custo da vida”, afirmou.
Proposta económica da empresa
A proposta económica de URBASER é de 200 euros para o ano 2022 e 300 euros para 2023, “non consolidable”. Isto implica, segundo o secretario comarcal da CIG-Servizos “que non chegan sequera ao 1%”. Un incremento que cualificou como “mísero” e que nin vai acompañado por melloras nas condicións sociais.
Sobre esta última cuestión Alonso lembrou que cando a CIG acadou representación na empresa o convenio colectivo “nin sequera contemplaba o 100% das retribucións en caso de accidente de traballo” e que o que se conseguiu foi que se cobrara, cando menos na primeira baixa do ano. Porén a empresa non recoñece ese dereito cando se trata de enfermidade común.
Xuntanza co alcalde
Tras manter reunións coa empresa sen que se alcanzara ningún tipo de acordo, a CIG solicitou manter xuntanzas tanto co alcalde como cos grupos de goberno e da oposición. De momento xa se puxeron en contacto coa representación do persoal tanto o BNG de Ames, como Ames Novo e onte mesmo o alcalde mantivo unha reunión co delegado de persoal e varios compañeiros que puideron asistir para explicarlle as súas reivindicacións e dar conta do posible conflito que pode haber nese centro de traballo se a empresa non cambia de actitude.
Este mesmo martes chamou tamén a dirección da empresa, para manter unha xuntanza para o próximo mércores día 26 de abril. “Temos claro que vén motivado pola concentración que imos facer este venres, as 13:45 horas, diante do concello, en Bertamiráns, para poñer en coñecemento da cidadanía as condicións deste persoal”.
O persoal non descarta convocar unha folga indefinida no mes de maio se a empresa, o próximo mércores, non cambia de actitude e fai unha proposta económica que satisfaga as necesidades económicas do persoal que están neste centro de traballo. Un colectivo de 21 persoas que están decididas a secundar a folga que acordaron convocar se non lles queda outra alternativa.
Ao concello demándanlle que realice todas as xestións necesarias, diante da empresa, para evitar este conflito que, lamentaron, “unha vez máis van sufrir tanto as persoas traballadoras como a cidadanía do concello de Ames, porque ao ser un servizo de limpeza viaria vai repercutir no conxunto da poboación”.
Á empresa exíxenlle que cambie de actitude para evitar este conflito que, tal e como albiscan, “sería duro e longo” porque “xa coñecemos á empresa Urbaser, temos moitos antecedentes noutros centros de traballo e sabemos que é moi conflitiva”.