O persoal do sector do cemento da Coruña cobrará as subas salariais de 2019 cun atraso de dous anos
As táboas salariais do Convenio Colectivo de Derivados do Cemento da Coruña correspondentes ao ano 2019 asináronse con dous anos de atraso e transcorrido xa máis de medio mes de xaneiro, continúan sen estar publicadas no BOP, polo que aínda non son de obrigada aplicación. Esta demora, denuncia a FCM-CIG, débese á fórmula pactada pola patronal do sector e as centrais sindicais UGT e CCOO para regular os incrementos salariais, vinculados a un criterio tan alleo á realidade da clase traballadora galega como é a estatística de vendas de cemento a nivel estatal.
"A simple tardanza da publicación deste dato estatístico lastra a negociación colectiva de todo o sector e obriga o seu persoal a agardar a practicamente dous anos para ver aprobados os incrementos salariais", subliña o secretario de negociación colectiva da FCM-CIG, Mario Maceiras. Que advirte que, a día de hoxe, estas táboas aínda non se publicaron no BOP, "co cal serán de obrigada aplicación nalgún momento ao longo de 2021".
Unha fórmula altamente prexudicial para os/as traballadores/as
Este acordo (ao que a CIG se opuxo) provoca unha severa demora no cobro dos atrasos que xeran os incrementos, "o que causará problemas a moitas empresas que teñan que afrontar de repente o pago de dous anos completos de atrasos a todo o seu persoal (entre 520 e 900 euros/ano por traballador ou traballadora)". Pero ademais, implica que moitos/as operarios/as que xa cambiaron de sector ou empresa (algo habitual nestes tempos) "non cobrarán nunca máis os seus incrementos".
Xunto a isto, Maceiras salienta que "o absurdo" deste acordo impulsado por UGT e CCOO chega ao extremo de que en xaneiro de 2021 "o persoal do sector aínda segue esperando coñecer o calendario laboral de 2020, que sairá publicado no BOP despois de acabar o ano".
Para reverter esta situación, a CIG insta a mudar a representatividade nas próximas eleccións sindicais "dando unha maioría clara á central nacionalista que permita corrixir este desaguisado e impulsar dunha vez o Convenio Galego que o sector tanto necesita".