O persoal do Grupo Ganomagoga mobilízase diante do Concello de Ponteareas na defensa dos seus empregos
A cadro de persoal de Ganomagoga, con centros de traballo Ponteareas, Mos, O Porriño e Vigo, mobilizouse hoxe diante do Concello de Ponteareas en defensa dos seus empregos tras a presentación dun ERE extintivo para os arredor de 200 traballadores/as do grupo de empresas. Ao mesmo tempo, a representación sindical rexistrou un escrito solicitando o apoio do Goberno local e de todos os grupos políticos presentes na corporación municipal.
Segundo explican dende o comité de empresa, presidido pola CIG, o obxectivo é contar co apoio do Concello “ante as administracións públicas superiores para tratar de buscar algún tipo de financiamento ou interlocución, xa que os traballadores/as non entendemos como se pode deixar caer unha empresa estratéxica como esta, dedicada ás enerxías renovábeis”.
O feito de ter escollido esta localidade da comarca do Condado para iniciar a campaña de protestas e de xestións institucionais responde a que o Grupo Ganomagoga ten as súas instalacións principais neste concello e o 60% do seu cadro de persoal é veciño da localidade. Neste senso, dende a representación sindical lembran que se trata da compañía con maior número de traballadores/as de Ponteareas.
Por outra banda, no escrito entregado no Concello tamén se invita aos responsábeis municipais a participar na manifestación prevista para este xoves 16 que sairá dende as instalacións da empresa ás 18:30 horas e rematará tamén diante do Concello.
Xestións institucionais
En canto ás xestións institucionais en marcha, dende o comité indican que este mércores 15 manterán unha xuntanza coa Consellaría de Economía en Santiago ás 9:30 horas, mentres que continúan á espera de que o Igape lles responda á solicitude de reunión.
Ao mesmo tempo, para o día seguinte, xoves 16, está fixado un novo encontro cos responsábeis da empresa para que lles fagan entrega da documentación relativa ao ERE extintivo, que a dirección de Ganomagoga xustifica por causas económicas, produtivas e organizativas e que suporá o despedimento dos arredor de 30 traballadores/as de Aplimega, dos 20 de Cedval, dos 8 de Logistic, e dos 130 de Talleres Ganomagoga, firmas que fan parte do grupo empresarial.