Ganomagoga comeza a presentar ERE extintivos por causas económicas para todo o persoal das empresas do grupo
O Grupo Ganomagoga, con centros de traballo Ponteareas, Mos, O Porriño e Vigo, comezou a presentar hoxe ERE extintivos nas distintas empresas, a excepción da principal, Talleres Ganomagoga, algo que presumibelmente fará mañá. A compañía alega causas económicas, produtivas e organizativas para rescindirlle o contrato polo de agora aos arredor de 30 traballadores/as de Aplimega, aos 20 de Cedval e aos 8 de Logistic, mentres que os 130 de Ganomagoga coñecerán este xoves o seu futuro inmediato. Diante disto, o o comité de empresa anunciou a posta en marcha dunha campaña de mobilizacións e de xestións institucionais para intentar salvar os seus empregos.
Segundo explica o presidente do comité de Talleres Ganomagoga, Xabier Pérez, da CIG, a empresa comunicou hoxe o inicio dos ERE ao resto das empresas do Grupo, algo que seguramente tería feito tamén coa principal, pero a xuntanza coa dirección prevista para esta mañá foi finalmente adiada para este xoves por distintos compromisos da representación sindical.
A día de hoxe seguimos sen ter ningún tipo de información por escrito da situación económica da empresa
Entre eles a presentación dunha denuncia diante da Inspección de Traballo, “porque a día de hoxe seguimos sen ter ningún tipo de información por escrito da situación económica da empresa, da débeda que ten, de se é viábel ou non, de se conta ou non con carga de traballo, e se realmente presentou no xulgado o concurso de acredores que anunciou, xa que o que o pouco que sabemos é o que nos din verbalmente”.
O comité aproveitou tamén a xornada de hoxe para solicitar xuntanzas co Igape e co conselleiro de Industria para trasladarlles a posibilidade de que interveñan para garantir a viabilidade da empresa e o mantemento dos postos de traballo. “Despois fixemos asembleas en Ponteareas e en Mos, nas que acordamos convocar unha concentración na Xunta en Vigo para o día 15, que finalmente non imos levar a cabo porque esta mesma tarde recibimos unha citación da Consellaría de Industria para manter unha reunión ese mesmo día ás 9:30 horas en Compostela”, detalla Pérez.
Concentración e manifestación
O que si desenvolverán é unha concentración diante do Concello de Ponteareas o luns 13 ás 11:00, que aproveitarán para facer entrega dun manifesto solicitando o apoio dos grupos da corporación municipal. Ademais, para o xoves 16 teñen convocada tamén unha manifestación que sairá dende as instalacións da empresa ás 18:30 horas e que rematará diante do Concello. Paralelamente, solicitaron tamén un encontro con responsábeis da Subdelegación do Goberno en Pontevedra “para tratar de implicar ao máximo de institucións na defensa da empresa máis importante a nivel de emprego de Ponteareas”.
En canto ás débedas salariais que a empresa mantén co cadro de persoal, Pérez explica que a responsábel de recursos humanos confirmoulles que nos vindeiros días abonarán a parte do soldo de febreiro que estaba pendente e as pequenas cantidades que algúns traballadores/as non percibiran aínda por distintos problemas no cálculo das nóminas de xaneiro. Unha vez que estas débedas sexan liquidadas o cadro de persoal deixará saír dous tramos de torres eólicas para a empresa GRI Towers do Carballiño.
Este foi precisamente outro dos acordos da asemblea de traballadores/as celebrada días atrás: ir permitindo a saída de tramos a medida que empresa liquidaba as débedas pendentes. Así o fixeron con oito tramos unha vez que percibiron o salario de xaneiro e parte do de febreiro.