O persoal do Consorcio de Turismo da Coruña irá á folga a partir do 3 de abril
As traballadoras e os traballadores do Consorcio de Turismo e Congresos do Concello da Coruña acordaron por unanimidade convocar folga a partir do 3 de abril en resposta ao incumprimento sistemático na aplicación do convenio colectivo do persoal laboral do Concello. A non aplicación deste convenio suponlles ao persoal do Consorcio unha grave merma nas condicións salariais, xa que en moitos casos as nóminas deste colectivo apenas superan o salario mínimo interprofesional.
A obriga de regular as traballadoras e traballadores do Consorcio de Turismo polo convenio do persoal laboral do Concello da Coruña está recoñecida dende o ano 2017, pero neste tempo, "o persoal viuse na obriga de xudicializar o reclamo de cantidades e a aplicación do convenio correspondente, coa situación de inseguridade e inestabilidade que isto conleva", xa que, engaden, a día de hoxe, o ente segue a aplicarlles o convenio de oficinas e despachos.
Derivado desta xudicialización, o persoal do Consorcio xa conta con, alomenos, cinco sentenzas firmes que ratifican a obriga da aplicación do convenio do persoal laboral do Concello da Coruña e o pago das cantidades debidas.
A pesar disto, "o Consorcio de Turismo e Congresos non foi quen, até o día de hoxe, de atallar esta situación de vulneración dos dereitos máis fundamentais do seu persoal, alegando cuestións de dificultade orzamentaria derivada da situación de prórroga orzamentaria para este 2023 que o Goberno de Inés Rey decidiu".
Os traballadores e as traballadoras afectadas consideran que esta situación de indefensión e precariedade ten que resolverse de xeito inmediato e que as obrigas legais e laborais "non poden depender da vontade orzamentaria".
O comité de folga mantivo unha xuntanza coa presidencia do Consorcio de Turismo e Congresos do Concello da Coruña ante a comunicación do paro na que trasladaron, unha vez máis, a disposición do persoal para atopar unha solución.