No marco do novo calendario de mobilizacións aprobado, traballadoras e traballadores do comercio de alimentación concentráronse este martes diante de estabelecementos Froiz en Ferrol e Narón para demandar un convenio colectivo digno. As protestas preceden á gran manifestación provincial que os sindicatos teñen convocada para este domingo 20 de setembro na Coruña, con saída ás 12h da praza traseira do Centro Comercial Catro Camiños.
A CIG fai un chamado ao persoal da provincia a participar nesta mobilización e convertela nunha enorme demostración de forza e unidade do sector fronte á negativa patronal a mellorar as condicións laborais e salariais e á pretensión de competir a conta de pagar menos e non rebaixar a xornada.
Precisamente, a falta de avances na mesa de negociacións debido ás irrisorias propostas trasladada até o de agora por Gadis e Froiz (as dúas grandes empresas que controlan este convenio) levou as centrais sindicais a convocar tres novas xornadas de folga para os días 10, 11 e 13 de outubro. De continuar o bloqueo, as mobilizacións e os paros laborais seguirán até fin de ano.
A CIG-Servizos critica que tras meses de negociacións, a patronal limitouse a ofrecer subas salariais miserentas que nin sequera garanten o mantemento do poder adquisitivo, nada para antigüidade, unha redución de xornada raquítica ou unha proposta totalmente insuficiente nas libranzas de fin de semana.
Pero o persoal do comercio de alimentación da provincia da Coruña, conformado de xeito maioritario por mulleres, está farto “de ser pobre e de padecer o desprezo das empresas que se benefician do noso esforzo”.
Así o demostrou nas exitosas xornadas de folga desenvolvidas dende o mes de maio e así o seguirá demostrando até acadar un convenio que recolla auténticas melloras nas condicións de traballo, acordes aos beneficios millonarios que están obtendo as empresas.