O persoal do comercio de alimentación de Ourense continúa na loita por un convenio digno

A próxima semana están convocadas dúas novas xornadas de folga
Ourense - 18 Xul 2025

Traballadoras e traballadores do comercio de alimentación da provincia de Ourense continuaron este venres coas mobilizacións en demanda dun convenio colectivo digno. As concentracións realizáronse diante de tendas Gadis e Froiz, xa que xunto co Grupo Cuevas constitúen a patronal maioritaria do sector. As protestas desenvólvense tras a mediación deste xoves e ante a convocatoria de novas xornadas de folga para o 24 e 26 de xullo.

 O representante da CIG na mesa de negociación, Anxo Pérez Carballo, indica que onte houbo unha maratoniana reunión no Consello Galego de Relacións Laborais na que se avanzaron en determinados temas que se van someter ao parecer das asembleas de persoal. “Non existe un preacordo porque a proposta da mediación non satisfai todas as demandas da parte social”, apunta.

Explica que a maior punto de desencontro coa patronal segue estando na cuestión salarial, mentres que noutros temas como promocións de grupo, estabelecer tres fins de semana de calidade ao ano, plus de nocturnidade, plus de axuda escolar até os 12 anos, adianto das pagas extras ou a retroactividade nas cláusulas económicas si que se conseguiron achegamentos.

Sobre as retribucións, Pérez Carballo sinala que a proposta de partida dos sindicatos para o ano 2025  é de 18.100 euros anuais (tendo en conta que no ano 2024, o soldo anual do persoal que está nas categorías maioritarias foi de 16.198,50 euros); e para 2026, de 19.500 euros. A partir de aí, nos seguintes anos un incremento do IPC do 3% con cláusula de revisión salarial.

Ante a falta de acordo coa patronal, na xuntanza de onte, as mediadoras trasladaron unha proposta salarial de 18.100 euros para o ano 2025 (na liña da demanda sindical), para o ano 2026 de 19.250 euros, e para os anos 2027 e 2028 incrementos do 3% con cláusula de garantía salarial até o 5,5%, e con efectos retroactivos. “A representación sindical dixémoslle que non aceptabamos esa rebaixa e non íamos asinar preacordo”, apuntou Pérez Carballo, mais si se dará traslado desta proposta das mediadoras ás asembleas de traballadoras e traballadores para que a valoren e decidan.

O representante da CIG valora a resposta dada polo sector do comercio de alimentación da provincia de Ourense na negociación deste convenio, que por primeira vez na súa historia foi á folga para demandar condicións salariais e laborais dignas e desenvolveu dúas manifestacións históricas cun gran apoio social. 

Defende que sen esta loita contundente das traballadoras e traballadores sería imposíbel chegar a este punto da negociación e conseguir incluír unha cláusula de garantía para o ano 2025 e incrementos por enriba do 20% nos dous primeiros anos do convenio.

“Isto sería impensábel hai un ano. A patronal veu negociar coa mesma actitude prepotente e arrogante dos últimos catro convenios, pero atopouse enfronte cun sector esperto e disposto a pelexar”, salientou Pérez Carballo. Agora as asembleas deberán valorar e decidir sobre a proposta da mediación e a continuidade das mobilizacións.