O persoal do comercio de alimentación da provincia da Coruña inicia mobilizacións por un convenio digno

Concentráronse diante dun supermercado Gadis e dun Froiz da cidade herculina
A Coruña - 22 Abr 2022

Traballadoras e traballadores do comercio de alimentación iniciaron mobilizacións este venres en rexeitamento ás pretensións da patronal de manter a precariedade e os baixos salarios no novo convenio colectivo, a pesar dos millonarios beneficios que o sector está a obter dende o inicio da pandemia. As primeiras concentracións, convocadas por CIG, CCOO e UGT, realizáronse diante dun supermercado Gadis e dun supermercado Froiz da cidade da Coruña, xa que estas son as dúas grandes empresas reguladas por este convenio.

O comercio de alimentación levan anos sendo un dos sectores con peores salarios, horarios e calendarios, e malia o enorme esforzo que as traballadoras e os traballadores tiveron que realizar durante a pandemia, a patronal, con Gadis e Froiz á cabeza, négase a asumir melloras económicas e laborais que recoñezan o seu traballo.

De feito, explica Roberto Pérez, responsábel de comercio da CIG-Servizos da Coruña, as grandes cadeas de distribución pretenden ir a un convenio de seis anos, condenando o persoal á precariedade ao propor unhas subas salariais que non garanten sequera o mantemento do poder adquisitivo. Cun aumento da carestía da vida imparábel e unha inflación que en marzo chegou ao 9,8%, a proposta da patronal limítase a un incremento do 2,75% para este 2022, do 2,50% para 2023, do 2,25% para 2024, do 2,25% para 2025, e do 2% para os dous últimos anos (2026 e 2027), sen contemplar unha cláusula de revisión ligada ao IPC.

Sen melloras nos horarios e na xornada

Pero á miserenta proposta económica, súmase a negativa da patronal a mellorar os horarios para permitir que as traballadoras e traballadores poidan ter algunha fin de semana libre completa ao ano; unha cativa proposta de redución de xornada de 7 horas anuais (que non supón nin unha xornada de traballo); a pretensión de limitar o uso dos asuntos propios e atrasar un ano a promoción profesional (co único obxectivo de aforrar cartos); ou a negativa a negociar unha reclasificación profesional para eliminar o Grupo IV, que estabelece salarios que apenas superan o SMI.

Diante disto, a CIG-Servizos anima a todo o persoal a saír á rúa a denunciar as condicións nas que se traballa neste sector, considerado esencial, pero que a patronal quere manter nunhas condicións de precariedade mentres segue logrando beneficios millonarios.