O persoal do comercio de alimentación da Coruña inicia un novo calendario de mobilizacións por un convenio digno
As protestas, que arrincaron este xoves no Gadis de Montealto, inclúen unha manifestación provincial o 20 de setembro e tres días máis de folga en outubro
O persoal do comercio de alimentación da provincia da Coruña continúa en loita por un convenio que recolla auténticas melloras laborais e salariais. Logo das exitosas xornadas de folga e ante o bloqueo patronal á negociación colectiva, as asembleas de traballadoras e traballadores acordaron un novo calendario de mobilizacións que arrincou este xoves cunha concentración que se prolonga de 09 a 21h diante do Gadis do Mercado de Montealto, con motivo da reinaguración da tenda.
A este protesta seguiranlle dúas novas concentracións o próximo martes, día 15, no Froiz da rúa San Amaro de Ferrol (ás 11h) e no Hiper Froiz de Narón (ás 13h); e unha gran manifestación o sábado 20 de setembro na cidade herculina, na que participarán traballadoras e traballadores de toda a provincia. A marcha sairá ás 12h da explanada do Centro Comercial Catro Camiños e rematará nos Xardíns de Méndez Núñez.
Ademais, ante a falta de propostas que atendan as demandas sociais, as organizacións sindicais con representación (CIG, CCOO, UGT e USO) xa teñen convocadas tres novas xornadas de folga para os días 10, 11 e 13 de outubro. De non producírense avances, as mobilizacións e os paros laborais continuarán até fin de ano.
“Estamos no inicio dunha segunda fase de protestas pola negativa da patronal a ofrecer unhas condicións laborais e salariais minimamente dignas”, apuntaba Roberto Pérez, representante da CIG na mesa de negociación. Denunciou que malia os beneficios millonarios das dúas grandes empresas deste convenio -Gadis e Froiz- “os salarios son cativos, as xornadas excesivas e non se recoñece nada na antigüidade”.
Pérez aclarou que aínda que as negociacións non están rotas, fican paralizadas a causa do inmobilismo da patronal que pretende competir a conta de explotar e precarizar o seu persoal. Na última reunión, o empresariado teimou nunhas propostas de miseria con incrementos salariais que nin sequera garanten o IPC, ofreceu unha redución raquítica da xornada laboral, pretendeu incluír os luns nos denominados fins de semana de calidade, negouse a ampliar os días de asuntos propios e non quixo achegar nada para o complemento de antigüidade.
Neste senso, Roberto Pérez subliña que unha das cuestións “que máis enfada as traballadoras é que cobran moito menos que as compañeiras e compañeiros de Pontevedra, cando son as mesmas empresas as que negocian ambos convenios e a competencia que teñen co resto de compañías do sector é a mesma”.
Pero a diferenza do que acontece na Coruña, no convenio de alimentación de Pontevedra, Gadis e Froiz si recoñecen un complemento de antigüidade que “supón un incremento moi significativo dos salarios. Na provincia da Coruña, quen leva 20 anos na empresa cobra arredor de 1.100 euros”.
Criticou ademais que Gadis e Froiz se queixan da falta de competitividade pero “non fan absolutamente nada para remediar esta situación, impulsando a negociación dun convenio galego”.