O persoal do centro Príncipe Felipe de Pontevedra rexeita o protocolo covid que lle impón funcións sanitarias
O persoal educativo do centro de acollida de menores Príncipe Felipe de Pontevedra desenvolveu unha concentración esta mañá diante da Deputación Provincial para amosar o seu rexeitamento á imposición dun protocolo de medidas ante positivos de covid “que foi imposto sen negociación e que impón funcións sanitarias ao persoal educativo”, segundo denuncian dende a CIG-Administración.
Dende a central sinalan que os traballadores/as reclaman que a institución provincial, encargada da xestión do centro, negocie o protocolo coa representación do persoal e conte con eles/as para a súa elaboración.
Neste senso, a CIG e CCOO solicitaron hai xa un tempo unha xuntanza co deputado delegado de persoal, coa deputada encargada do Príncipe Felipe e co director do centro, “pero non obtiveron ningunha resposta”.
No caso de que nos vindeiros días non se produzan avances nas súas demandas optarán por levar a cabo novas mobilizacións, fixando as seguintes para o martes 29 de setembro e para o xoves 1 de outubro.