O persoal do Almirante reclámalle á empresa que recupere xa a actividade do hotel
Traballadoras e traballadores do Hotel Almirante de Ferrol levaron as súas protestas contra o ERTE que se lles está a aplicar até abril de 2023 até ás portas do estabelecemento que a cadea Carrís Hoteles ten no complexo comercial Marineda City na Coruña. Deste xeito, o persoal dá continuidade ás mobilizacións iniciadas tras a empresa comunicar que ía executar unha nova suspensión de contratos, a segunda que encadean dende o inicio da pandemia, sen ofrecer garantías de reapertura.
A CIG-Servizos explica que día de hoxe "xa non hai ningunha escusa que poida xustificar que o Hotel Almirante permaneza pechado: as avarías están reparadas e o inmóbel atópase á espera de que a empresa decida retomar a actividade".
Por iso, a central nacionalista continúa coa axenda de mobilizacións para instar a empresa a recuperar a actividade e para denunciar publicamente a situación desesperada na que se atopa o persoal afectado "que leva media vida traballando neste hotel" e agora atravesa unha absoluta incerteza sobre o futuro dos seus empregos.
"Parece que Carrís Hoteles non ten intención ningunha de reabrir o hotel de maneira inminente, estando máis preocupada a empresa pola sentenza que acaba de publicarse a respecto do litixio mercantil que mantén co propietario do inmóbel".
Sen prestacións por desemprego
A este respecto, subliña a enorme afectación anímica que padecen as traballadoras e os traballadores do Hotel Almirante, que levan dende o inicio da pandemia neste situación de incerteza e logo de encadear dous ERTE, "sen prestacións por desemprego e buscando a vida como boamente poden noutros empregos". Critica Rodríguez que o persoal está "abandonado polas administracións e pola empresa", polo que continuarán na acción sindical e mobilizándose nas defensa dos seus empregos.