O persoal de Vitrasa mobilízase diante do concello de Vigo na segunda xornada de folga
Os traballadores e traballadoras de Vitrasa concentráronse esta mañá diante do concello de Vigo na segunda xornada de folga en protesta polos incumprimentos do convenio por parte de VITRASA, para demandar melloras nas súas condicións laborais e denunciar o inmobilismo do goberno municipal.
O persoal de Vitrasa denuncia xornadas interminables que chegan a ser de até 10 horas seguidas de condución, falta de descanso dentro da propia xornada, situacións de estrés estremo ao volante, a negativa da dirección a negociar un convenio caducado e mesmo dous atrasos no abono das nóminas nos últimos seis meses. Atrasos dos que VITRASA responsabiliza ao concello de Vigo.
Por iso convocaron as xornadas de folga que manterán para este fin de semana, logo de que onte (xoves) pola mañá celebraran unha xuntanza coa empresa na que non conseguiron ningún avance. Con este motivo teñen previsto concentrarse no Marisquiño entre as 11:00 e as 12:00 horas tanto do sábado como do domingo.
Inmobilismo do concello de Vigo
Denuncian ademais o inmobilismo do concello de Vigo diante dos incumprimentos reiterados por parte da empresa como son o impago dos salarios ou dar un servizo deficiente que deixa pasaxeiros/as nas paradas a pesar de ter autobuses parados nas cocheiras. Incumprimentos aos que o Concello, como adxudicador da concesión, debería requirir que se dea unha solución inmediata.
Lembran que solicitaron unha xuntanza co alcalde de Vigo para abordar estas cuestión e que aínda non recibiron resposta.