O persoal de Vitrasa concentrouse no Marisquiño coincidindo coas xornadas de folga da fin de semana
Os traballadores e traballadoras de Vitrasa concentráronse este fin de semana, sábado e domingo, no Marisquiño, coincidindo coas novas xornadas de folga. O domingo sumáronse ademais ás protestas os compañeiros e compañeiras da CIG e CCOO de Urbanos de Ourense, dependente tamén do Grupo Avanza, para apoialos na súa denuncia de incumprimentos do convenio por parte de VITRASA, do inmobilismo do goberno municipal e para demandar melloras nas súas condicións laborais.
Para as traballadoras e traballadores de Vitrasa é de especial gravidade o inmobilismo do concello de Vigo diante dos incumprimentos reiterados por parte da empresa, desde o impago dos salarios, até un servizo deficiente que deixa pasaxeiros/as nas paradas a pesar de ter autobuses parados nas cocheiras. Incumprimentos aos que entenden que o Concello, como adxudicador da concesión, debería requirir que se dea unha solución inmediata.
O persoal considera ademais que non se poden permitir os reiterados incumprimentos do convenio: xornadas interminables que chegan a ser de até 10 horas seguidas de condución, falta de descanso dentro da propia xornada, situacións de estrés estremo ao volante, a negativa da dirección a negociar un convenio caducado e mesmo dous atrasos no abono das nóminas nos últimos seis meses. Atrasos dos que VITRASA responsabiliza ao concello de Vigo.
O presidente do comité de empresa Imanol Arnoso denuncia ademais o desleixo do alcalde de Vigo ao que teñen solicitado unha xuntanza para abordar a situación e do que aínda non obtiveron resposta algunha.
Tras das xornadas de folga e mobilizacións da pasada semana, o comité valorará, en vindeiras reunións os seguintes pasos a dar. Nese sentido Arnoso sinala que agardarán ao comezo do curso escolar e “se das xuntanzas de primeiros de setembro no sacamos nada en claro coninuaremos coas mobilizacións, que poderán ser paros parciais a diferentes horas do día ou folga xeral”.