O persoal de VITRASA acorda en asemblea paros parciais pola negociación do convenio
O persoal de Vitrasa vén de acordar en asemblea paros parciais dunha hora por quenda de traballo para forzar á empresa a negociar o convenio colectivo, caducado desde xaneiro de 2021. Os paros comezarán o vindeiro día 21 de outubro e desenvolveranse de 8:00 a 9:00 horas; de 14:00 a 15:00 horas e de 00:00 a 1:00 horas para o persoal de condución. Pola súa banda o persoal de taller desenvolverá os paros de 11:00 a 12:00 horas; de 17:00 a 18:00 horas e de 00:00 a 1:00 horas e o de administración entre as 11:00 e as 12:00 horas.
Na asemblea o comité de empresa expuxo a necesidade de negociar un convenio que, entre outras melloras, actualice os salarios das traballadoras e traballadores, conxelados desde a caducidade deste e que están empobrecendo notoriamente as súas condicións de vida. Consideran ademais imprescindíbeis melloras no desenvolvemento do seu traballo, como regular o descanso diario, reducir a xornada máxima, que actualmente pode chegar a 10 horas ou nova rotación de descansos, entre outras cuestións.
Servizos mínimos axustados á legalidade
O comité lembra que os servizos mínimos impostos polo concello en anteriores mobilizacións foron declarados abusivos e vulneradores do dereito á folga por dous xulgados da cidade. Por is demandan que, nesta ocasión, se axusten á legalidade.
Con todo, avanza que até a data de inicio das mobilizacións seguirán agardando unha chamada da empresa para solucionar as diferenzas. “Non resulta comprensíbel que, malia o importante incremento de viaxeiros e viaxeiras, recoñecido publicamente pola propia empresa e propiciado por máis axudas públicas, a empresa manteña a mesma postura inmobilista”.
O comité cualifica ademais de “lamentábel que unha empresa que realiza un servizo público esencial, unicamente se preocupe da súa rendibilidade ante a pasividade do concello, deixando en segundo plano a calidade do servizo (recorte de liñas, de frecuencias, flota obsoleta...) e as condicións laborais do seu persoal.
Proposta aprobada por ampla maioría
O comité subliña que a proposta foi aceptada por ampla maioría do cadro de persoal, con 228 votos a favor das mobilizacións, fronte 18 votos en contra e con 199 votos a favor dos paros, 29 en contra, 1 voto en branco e 4 nulos.