O persoal de Viaqua continúa en Fene o calendario de mobilizacións por un convenio digno
Traballadores e traballadoras de Viaqua, concesionaria dos servizos municipais de abastecemento e depuración de distintas localidades galegas, continuaron este xoves en Fene o calendario de mobilizacións en demanda dun convenio digno e para denunciar o inmobilismo da empresa.
As partes levan xa ano e medio negociando un convenio que afecta os máis de 500 traballadores/as que a empresa ten por todo o país, “pero as conversas non avanzan polo inmobilismo da dirección, que non ten présa en chegar a un acordo, como demostra o feito de que tardou dous meses e medio en responder á nosa última proposta”.
O presidente do comité intercentros, Fernando Romero, da CIG, explica que ademais Viaqua se nega a aceptar un incremento salarial próximo ao que estableceu o convenio estatal de augas e depuración (dun 9% nos cinco anos de vixencia), limitándose a ofrecer unha suba dun 4% en catro anos.
Xunto a isto, a parte social reclama que o novo convenio recolla melloras na realización de gardas e reténs, un aumento dos pluses de penosos e tóxicos para o persoal que traballa nas plantas e un recoñecemento para o persoal técnico e administrativo que tivo que teletraballar durante a pandemia "e padeceu unha sobrecarga de traballo que continúa na actualidade".
Non se descarta a convocatoria de folga
O calendario de mobilizacións continuará na cidade de Ourense o vindeiro luns e o martes as protestas trasladaranse a Santiago. Ademais, a representación sindical baralla tamén a convocatoria de folga no mes de xuño se non a empresa mantén a súa postura inmobilista.