Os traballadores e traballadoras de Veolia-Viaqua irán mañá martes, día 30 de xuño, á folga nos preto de 50 concellos de toda Galiza que teñen concesionado o servizo de auga a esta empresa, atinxindo a unhas 750.000 persoas. O comité intercentros chama a participar na manifestación convocada coincidindo co paro, para reclamar un convenio colectivo digno e denunciar o bloqueo da negociación por parte da dirección da empresa.
Durante este mes o persoal protagonizou mobilizacións e se mantivo unha rolda de xuntanzas cos concellos afectados para explicar a situación e solicitar o seu apoio. Hoxe mesmo, ás 13:00 horas, teñen previsto reunirse co concello de Santiago.
Convenio bloqueado
O comité intercentros denuncia que a negociación do convenio permanece practicamente bloqueada pola actitude da dirección de Veolia-Viaqua, á que acusa de manter unha posición inflexible e de rexeitar melloras laborais baixo o argumento de que os salarios do persoal reducen a competitividade da empresa nos concursos públicos. Unha xustificación que a representación sindical considera inaceptable tratándose dunha multinacional.
Entre as principais reclamacións do persoal figuran o mantemento da xubilación parcial, a recuperación e garantía do poder adquisitivo mediante incrementos salariais vinculados ao IPC, a equiparación da antigüidade e dos salarios entre áreas de actividade, a mellora das condicións do persoal administrativo, o incremento das compensacións por gardas, traballos penosos e festivos, así como a redución da xornada laboral para adaptala ás novas realidades do sector.