O persoal de Valoriza Auga pide que se investigue por que os seus salarios son un 20% inferiores ás táboas recollidas nos pregos
Os traballadores de Valoriza Auga desenvolven este mércores a quinta xornada de paros parciais para esixir o desbloqueo da negociación colectiva e un convenio digno que lles permita recuperar o poder adquisitivo perdido nestes últimos oito anos. O persoal vén de trasladar un escrito ao alcalde da Coruña solicitando que investigue por que no prego de condicións actual (aprobado en maio de 2015), figuran uns salarios que están un 20% por enriba das retribucións que perciben os traballadores e as consecuencias que isto puido ter na última adxudicación do contrato.
Concentración en EMALCSA
Para dar máis visibilidade ás súas demandas, o persoal realizou unha concentración diante da sede de EMALCSA, á que lle reclaman que medie no conflito como responsábel da contrata.
Hai que subliñar que as empresas que se presentaron ao concurso tiñan como referencia uns custes salariais moi superiores aos reais, sendo este un dos elementos fundamentais á hora de valorar a oferta económica que realizaron as compañías. "Se ninguén aclara este tema poderíamos dicir que estamos ante un engano ou unha falsidade que, de probarse, deberá de provocar as actuacións oportunas por parte do Concello e de EMALCSA", asevera o secretario comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira.
Filgueira aclarou que, segundo os anexos do prego de condicións publicados por EMALCSA, o salario bruto anual (a data de decembro de 2014) para un peón sería de 17.44.44 euros, cando a día de hoxe, outubro de 2018, un traballador nesta categoría percibe 14.582.07 euros/ano. "É dicir hai unha diferenza de 2.862.37€ con respecto ao que establecen os pregos", subliña.
Información non axustada á realidade
Para o responsábel sindical esta circunstancia supón que o concurso se desenvolveu en base a unha información que non se axusta á realidade e que as empresas que se presentaron ao concurso fixérono tendo en conta unhas táboas salariais máis elevadas, polo que esta circunstancia puido influír no resultado da adxudicación. Pois a pesar do que establecen os pregos, "Valoriza Auga non actualizou as nóminas nin antes nin despois da adxudicación, polo que os traballadores levan dende o ano 2010 cos seus salarios conxelados".
Subliña tamén que no ano 2015 Valoriza Auga volveu coller a contrata, mais presentando unha oferta en baixa temeraria (87.73 €/hora) que tivo que xustificar diante da mesa de contratación. Á vista destas circunstancias, o persoal demanda do Concello e de EMALCSA que abran unha investigación ao obxecto de comprobar as repercusións destes feitos.
Salarios conxelados dende 2010
Este mércores, os traballadores que se encargan do mantemento da rede de sumidoiros da Coruña están desenvolvendo unha nova xornada de folgas parciais para esixir o desbloqueo na negociación do convenio colectivo. Esta é a quinta xornada de paros que realiza o persoal (á que hai que sumar un día de folga de 24 horas) e todo parece indicar que o conflito continuará nos vindeiros meses.
Neste senso, o secretario comarcal da CIG explica que os traballadores de Valoriza Auga teñen as súas condicións reguladas por un convenio que rematou a súa vixencia en decembro de 2010. Dende entón, non tiveron ningunha suba salarial, a pesar do recollido nos pregos de condicións, mentres que a empresa tivo varios incrementos no prezo da hora que cobra polo servizo.
A pesar do recollido nos pregos, dende 2010 os traballadores teñen o salario conxelado. Porén, neste tempo, a empresa tivo varios incrementos no prezo da hora que cobra polo servizo"
Así, alén da suba correspondente a actualización do IPC, no ano 2012 a empresa viu como se revalorizaba o prezo da hora até en tres ocasións, pola prórroga obrigatoria do servizo e un acordo entre as partes. Deste xeito, dos 76.13€/hora que se pagaba en xaneiro, EMALCSA acabou pagando 112.83€/hora a finais dese ano. Esta contía mantívose até abril de 2015, cando foi resolto o novo concurso. Porén, neste tempo, os traballadores continuaron cobrando o mesmo salario até a actualidade.
"Valoriza concursou ofertando un prezo máis baixo polo servizo do que xa estaba cobrando, unha baixada temeraria que tivo que xustificar e que foi aceptada pola mesa de contratación. O que non pode ser é que agora se pretenda que sexan os traballadores quen paguen esa rebaixa, cando nin sequera están cobrando o que marcan os pregos", asevera Filgueira.
Por iso, reclama de EMALCSA e o Concello que medien no conflito "porque a actitude da empresa lévanos a pensar que este vai ser un conflito longo e que teremos que intensificar as medidas de presión".