O persoal de Urbaser Burela iniciará folga o martes 23 ante a falta de avances na negociación do convenio
Os traballadores e as traballadoras de Urbaser Burela irán á folga indefinida a partir do martes 23 de maio ante a falta de avances substanciais coa empresa na negociación do convenio colectivo. O persoal leva mobilizándose a diario diante da Casa Consistorial para reclamar salarios e condicións dignas e demandar tamén a implicación activa do Concello na busca dunha solución ao conflito.
A empresa, explica o secretario da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, Xoán Díaz, "di agora que ten ultimada unha proposta que entende que podería valer, pero que non se pode reunir até o mércores 24 pola tarde". Diante disto, a parte social pediulle a Urbaser que remitira a proposta por correo electrónico para analizala e valorar se realmente pode servir para seguir negociando, "pero non nola queren enviar".
Unha negativa, apunta Díaz, "que nos dá a entender que a oferta non é tan boa como din" e que non hai vontade real por parte da empresa para evitar o inicio da folga, despois de meses de negociacións infrutuosas e de levar á mesa propostas económicas de miseria.
Así as cousas, os traballadores e as traballadoras do servizos de limpeza viaria, recollida de lixo, xestión do punto e limpeza de praias de Burela volveranse concentrar o vindeiro luns 22 de 11 a 12:30h diante da Casa Consistorial e, de non producírense movementos previos por parte da empresa, o martes iniciarase a folga.
Hai que lembrar que o convenio que regulaba as condicións deste colectivo decaeu en 2011 e dende entón o persoal ten practicamente conxelados os seus salarios, pois as únicas subas que tiveron foron as obrigadas polo incremento do SMI "e estas non cobren nin de lonxe os actuais custes de vida nun momento ademais de inflación disparada".
Pero ademais, a falta dun convenio de referencia provoca un baleiro legal e que nestes momentos haxa traballadores/as de primeira e de segunda, no sentido de que mentres o persoal subrogado de anteriores empresas conserva os dereitos recoñecidos nese convenio, o persoal con menos antigüidade ten os dereitos mínimos recollidos no Estatuto das persoas traballadoras.