O persoal de Urbaser Burela inicia mobilizacións para reclamar un convenio digno
O persoal do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria do Concello de Burela iniciou este mércores mobilizacións en demanda dun convenio colectivo digno. A protesta, realizada diante da Casa do Concello, repetirase mañá, xoves, previamente a unha nova xuntanza coa empresa. Pero de non producírense avances significativos, o persoal xa avanza que irá á folga a partir do 22 de maio.
A representación do persoal e Urbaser levan dende novembro pasado negociando un novo convenio colectivo que regule as condicións de traballo no servizo de limpeza viaria, recollida de lixo, xestión do punto e limpeza de praias do Concello de Burela. O convenio que rexía para esta actividade, explica Xoán Manuel Díaz, secretario comarcal da CIG-Servizos, decaeu en 2011 e dende entón o persoal está perdendo dereitos e os seus soldos están practicamente conxelados.
Porén, despois de varias reunións, as negociacións con Urbaser non avanzan e as posicións están afastadas. Diante deste bloqueo, a asemblea de persoal acordou convocar concentracións diarias ás 11h no Concello de Burela e ir á folga indefinida a partir do 22 de maio. Foi entón cando a empresa respondeu cunha nova proposta para seguir negociando, mais ampliando a vixencia do convenio, concentrando os incrementos nos últimos anos de vixencia e estabelecendo unhas cantidades "compensatorias" para os anos 2023 e 2024, sen concretar.
Esta proposta foi trasladada á asemblea de traballadores/as desta tarde, que decidiu presentarlle á empresa unha contraproposta con cantidades concretas para esas compensacións e para os incrementos que corresponderían aos anos 25-26 e 27. A esta proposta Urbaser deberá dar resposta na xuntanza deste xoves.
Convenio decaído dende 2011
O convenio colectivo decaeu en 2011 logo de que representacións sindicais anteriores non negociasen un novo e ao non ter este cláusula de ultraactividade. Para Vanessa Prieto, delegada da CIG, "é obvio que esta situación non é a desexábel". "En primeiro lugar, subliña, porque temos un baleiro legal e mesmo hai traballadores/as de primeira e de segunda, no sentido que algunhas persoas, como o persoal subrogado de anteriores empresas, temos dereitos dese antigo convenio consolidados e o persoal con menos antigüidade ten só os do Estatuto das persoas traballadoras".
Pero ademais, esta situación tamén supuxo que o persoal leve cos salarios practicamente conxelados dende o ano 2011. "Por iso, apunta, o obxectivo cando me presentei ás eleccións sindicais era claro, volver a ter convenio colectivo, recuperar dereitos e recuperar cando menos parte do poder adquisitivo perdido".